Sábado 25 de Maio de 2019

A artista ourensá Mónica Filgueira presenta ‘Taras’ e ‘Or@perucita’, no Museo Municipal até o 28 de abril


 

Son dúas propostas diferentes entre si pero igualmente comprometidas nas que afloran os sentidos, a paixón, os medos, o sexo e a vida

 

O Museo Municipal de Ourense inaugura, esta tarde, dúas novas exposicións de Mónica Figueira. Baixo o seudónimo de Môf la sinvergüenza, a artista ourensá presenta ‘Or@perucita’ e ‘Taras’, dúas propostas diferentes entre si pero igualmente comprometidas nas que afloran os sentidos, a paixón, os medos, o sexo e a vida. Permanecerán na sala III (segundo andar) deste espazo expositivo até o 28 de abril.

‘Or@perucita’ é unha transgresión dos canons, unha volta de folla a ese personaxe feminino da nosa literatura infantil. Unha instalación para un non-conto feito a golpe de óleos e de madeira. Un percorrido polos cinco sentidos “que todos deixamos un pouco de lado no día a día”, advirte a autora, e unha chamada a volver usalos en plenitude. Cinco sentidos que “nos levan ao sexto sentido, que é o sexo sentido”, di.

‘Taras’, pola súa banda, é unha viaxe a través das follas en branco dun libro, unha sorte de xogo das agachadas. Ao ir enchendo as follas do libro, a artista vai escapando do irremediable peso da vida e acaba por cantar vitoria, unha vitoria que é «por min e por todas as miñas compañeiras”.

A exposición inaugúrase este xoves 14 ás 19:00 horas e poderá visitarse en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, de martes a sábados, e de 11:00 a 13:30 horas os domingos. Os luns, o Museo Municipal (rúa Lepanto 8) permanece pechado.

Deja un comentario