Domingo 26 de Maio de 2019

O PP de Ourense renunciou a 100.000€ en axudas para impulsar o cooperativismo


OUeC advertiu hai máis dun mes de que se perderían ata 100.000 euros para incentivar o emprendemento, e sinalan á “cegueira” no concelleiro de Promoción Económica, que “renunciou presentarse ás axudas nunha cidade castigada polo paro”

Vencido o prazo para concorrer ás axudas da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, Ourense en Común denuncia que “ao goberno de Jesús Vázquez tan pouco lle importa a economía social que nin se presentou ás axudas”.

Logo de un mes interpelando ao responsable desta área no goberno, Jorge Pumar, sobre as intencións do goberno coa convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria , coa que o Concello optaría a cubrir ata 100.000 euros para cursos e obradoiros, formación especializada de persoal para o asesoramento e acompañamento de proxectos, organización de conferencias, feiras, mostras, congresos, e xornadas de difusión, ou mesmo deseñar un plan estratéxico de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social no concello de Ourense, Ourense en Común confirmaba onte que o Concello non concorreu ás axudas, baseándose en “incompatibilidades inventadas como escusa, que non existen nas bases da convocatoria”, tal e como comprobou OUeC cunha simple chamada á sede da Rede Eusumo.

Desde OUeC fan unha lectura de “total menosprezo” do equipo de Jesús Vázquez ás persoas desempregadas no concello de Ourense. “En catro anos, o Partido Popular non tivo nin a idea nin moito menos a intención de reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, e que o edil encargado de impulsar políticas de emprego renuncie a estas axudas é moi revelador: a súa cegueira é total, e con ela tingue de negro o futuro laboral nesta cidade”, explica Montserrat Valencia.

A última ocasión na que o concello de Ourense concorreu a esta subvención foi en 2016, e logo de serlle concedida, perdéronse máis de 23.000 euros sen executar nin xustificar: canceláronse sen previo aviso nin motivo seis accións formativas previstas, e a promesa dunha oficina Municipal de Fomento Cooperativo nunca chegou a materializarse.

Deja un comentario