Sábado 25 de Maio de 2019

O Programa Integrado Inserlogic 4.0 formará a 100 menores de 30 anos sen emprego no sector do transporte e loxística


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe en San Cibrao das Viñas ao inicio desta iniciativa que desenvolve a Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Estrada de Galicia (Apetamcor) co apoio da Xunta
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe en San Cibrao das Viñas ao inicio do Programa Integrado de Emprego Inserlogic 4.0, que desenvolve a Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Estrada de Galicia (Apetamcor) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A iniciativa permitirá que un cento de menores de 30 anos sen emprego reciban formación de calidade en especialidades vinculadas ao sector do transporte e loxística. En concreto, os alumnos e alumnas cualificaranse como condutores profesionais, mozos e mozas de carga e descarga e operadores de montacargas.

Inserlogic 4.0 tamén inclúe actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas. O programa integrado abarca as áreas territoriais de Santiago, Lugo, Vigo, Ourense, Teo e Maceda, ademais de San Cibrao das Viñas.

O compromiso adquirido de inserción laboral para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna, é dun 40%.

Marnotes destacou a importancia da formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e sinalou que obxectivo destes programas é incrementar as oportunidades laborais dos participantes. “É un proceso destinado a mellorar a situación social e laboral das persoas a través de distintas fases e cunha intervención de carácter personalizado”, engadiu. Así mesmo, puxo en valor os plans que combinen formación e prácticas para dar resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Doutra banda, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participará esta tarde en San Cibrao das Viñas na xornada Calidade no emprego e equidade laboral organizada pola Asociación de Executivas de Galicia, na que destacará a importancia de que Galicia siga avanzando cara á igualdade efectiva coa implicación de todos os axentes económicos e sociais, lembrando que a Xunta, patronal e sindicatos teñen na igualdade entre homes e mulleres un dos seus asuntos clave no proceso do diálogo social.

Porá en valor, ademais, o esforzo das mulleres para o seu desenvolvemento tanto a nivel profesional como empresarial e a necesidade de que as empresas sexan conscientes da súa responsabilidade en materia de igualdade.

Deja un comentario