Sábado 25 de Maio de 2019

A Deputación celebrou o Día Internacional da Muller cunha charla-coloquio con referentes femininos de diferentes sectores laborais


 

Esta iniciativa, organizada pola institución provincial para conmemorar esta data, tivo lugar  no centro cultural “Marcos Valcárcel” baixo o lema “A eliminación de estereotipos de xénero no ámbito laboral”

A Deputación de Ourense celebra o Día Internacional da Muller cunha charla-coloquio centrada en “A eliminación de estereotipos de xénero no ámbito laboral”. O acto, que tivo lugar no centro cultural “Marcos Valcárcel”, foi moderado pola deputada provincial de Igualdade, Teresa Cerdeira, e contou coa participación de referentes femininos de diferentes sectores laborais porque é “importante trasladarlle á xente historiais de mulleres reais que se dedican a diferentes profesións para que poidan servir de inspiración a moitas outras”, sinalou a deputada provincial.

A charla-coloquio ten como obxectivo “presentar referentes femininos para eliminar os estereotipos de xénero que existen no ámbito laboral e contribuír, desde a Deputación de Ourense, a unha mellora na calidade de vida da nosa veciñanza”, explicou Teresa Cerdeira, quen estivo acompañada pola avogada do ICA de Ourense, Alejandra Fernández, especialista en Dereito da empresa pola Universidade de Vigo e membro de Executivas de Galicia, entidade que traballa na elaboración dun directorio de mulleres referentes na nosa Comunidade Autónoma. Outra das participantes no acto foi a doutora en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago e profesora titular de Universidade no Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Nieves Lorenzo, quen traballa a prol de fomentar as ciencias entre as mozas.

Pola súa parte, Marina Gómez, traballadora dunha empresa do sector do metal no Carballiño, expuxo a súa experiencia persoal nunha profesión que tradicionalmente se asociaba ao xénero masculino, reivindicando a superación dos estereotipos de xénero no ámbito laboral. Por último, a árbitra ourensá de fútbol Zulema González que logrou o máximo nivel na arbitraxe do fútbol feminino, achegou a súa visión sobre o papel da muller no ámbito deportivo.

Deja un comentario