Venres 22 de Marzo de 2019

CONDE DESTACA QUE A FORMACIÓN DESEÑADA POLO TECIDO EMPRESARIAL INCREMENTA A COMPETITIVIDADE E AS OPORTUNIDADES DOS EMPREGADOS


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en San Cibrao das Viñas o centro de formación de Coasa que está especializado en aeronáutica e onde se está impartindo o programa de Unidades Formativas na empresa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en San Cibrao das Viñas a importancia da formación de calidade para acceder ao mercado laboral na visita que realizou ao centro de formación especializado en aeronáutica que puxo en marcha Coasa o pasado mes de outubro. Nestas instalacións, que están acreditadas pola Xunta para expedir un certificado de profesionalidade, a compañía está a impartir as unidades formativas na empresa, o programa autonómico co que a Xunta financia ao 100% dos cursos que deseña e imparte o propio tecido produtivo. A iniciativa está dirixida a ocupados e desempregados e, no caso das persoas sen emprego, as empresas contan cun compromiso de contratar a un mínimo do 40% dos alumnos.

Coasa, na actualidade, está a desenvolver a terceira unidade formativa para desempregados que comezou o pasado mes de novembro e rematará en abril. Nela 12 alumnos e alumnas en situación de desemprego están a cualificarse na especialidade de mecanizado de elementos aeroespaciais. En total formaranse a través das tres accións formativas 36 persoas (24 xa se formaron), das que poderán contar cun emprego unha vintena delas (15 xa están contratadas). Trátase dun programa que combina teoría e práctica e que, en palabras de Conde, supón unha oportunidade para a empresa que mellora os seus procesos produtivos e gaña en competitividade e para os traballadores e traballadoras que cada vez están mellor formados e máis preparados.

O titular de Economía apuntou que a formación é agora máis necesaria que nunca para poder dar resposta ao proceso de transformación dixital que está a afrontar o tecido produtivo co obxectivo de poder contar con profesionais cualificados e adaptados ao que realmente precisan. As novas tecnoloxías teñen cada vez maior presenza na industria e están a transformar moitos postos de traballo. Por iso, a formación é clave para que as compañías poidan cubrir aquelas especialidades más demandadas na actualidade no mercado laboral pola influencia da tecnoloxía e para que poidan anticiparse aos novos retos e preparar aos seus traballadores e traballadoras no manexo de nova maquinaria e novas ferramentas.

Conde, ademais, puxo en valor as instalacións postas en marcha na Tecnópole sinalando que amosan o compromiso de Coasa coa formación. Así mesmo, destacou que a industria da aeronáutica está en pleno desenvolvemento, e que en Galicia está cobrando un papel protagonista grazas ás capacidades das empresas galegas neste ámbito.

Proba do futuro deste sector na Comunidade galega é o Polo Aeroespacial de Galicia e os 54 proxectos que se presentaron á primeira convocatoria da aceleradora aeronáutica de Rozas, na provincia de Lugo. Galicia, ademais, estará presente na feira internacional máis importante do sector: AUVSI Xponential 2019, en Chicago, do 30 de abril ao 2 de maio.

Deja un comentario