Sábado 25 de Maio de 2019

As rúas de Ourense acollen este domingo a partir das 11:00 horas a proba “Soy libre para correr”, un evento deportivo que reivindica a seguridade para as mulleres en todos os espazos públicos


Un total de 637 persoas inscribíronse no rexistro oficial da proba, que estivo aberto do 22 de febreiro ao sete de marzo

 

As rúas de Ourense acollerán este domingo, a partir das 11:00 horas, a carreira popular ‘Soy libre para correr”, un evento que forma parte da programación do Concello con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e que aposta reivindicar os espazos públicos como unha contorna segura para que as mulleres poidan realizar actividades deportivas. A carreira, con saída e chegada á Praza Maior, está organizada polo club BOX001 – Run Maniak co apoio do Concello de Ourense, Nissan Roferourense e Caixabank.

Un total de 637 persoas inscribíronse no rexistro oficial da proba (na web www.championchipnorte.com) que estivo aberto entre o 22 de febreiro e o pasado xoves sete de marzo. A recollida dos dorsais poderá realizarse este sábado 9 de marzo, entre as 10:00 e as 14:00 horas, en Run Maniak (avenida de Bos Aires); ou o propio domingo, entre as 09:00 e as 10:30 horas na Praza Maior.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca a “especial importancia desta proba, porque reivindica o noso dereito a correr e a nosa liberdade para vivir en plenitude, exercer os nosos dereitos e vivir en equidade, sen ningún tipo de discriminación por motivos de xénero ou condición”.

O nome da carreira recolle o lema acuñado polo grupo de corredoras do club BOX001 – Run Maniak no acto público de repulsa polo asasinato de Laura Luelmo, e que congregou de xeito espontáneo a centos de corredoras e corredores da cidade reclamando non ter medo á hora de facer deporte.

O percorrido terá unha lonxitude de cinco quilómetros e atravesará o centro da cidade polas seguintes rúas: Avda. Pontevedra, Desengano, Praza de Abastos, Paseo do Barbaña, Portocarreiro, Pardo de Cela, Paseo do Barbaña, Portocarreiro, Pura e Dora, Carriarico, Burgas, Bailén Colón, 2 de maio, Xullo Prieto Nespereira, Praza de San Cosme, Hernán Cortés, Praza do Trigo, Cardeal Cisneros, Fornos, Praza do Ferro, Sto. Domingo, Bedoya, Paseo, Lamas Carvajal e chegada á Praza Maior onde estará tamén a zona de avituallamentos.

Deja un comentario