Martes 22 de Setembro de 2020

O Concello achegará locais para fomentar as actividades das asociacións de persoas maiores cunha partida de 27.000 euros


As entidades poderán solicitalas durante 20 días hábiles

O Concello de Ourense abre a convocatoria de axudas en especie para apoiar as actividades que desenvolven as asociacións de persoas maiores na cidade. As axudas consistirán na entrega de locais alugados polo Concello a asociacións de persoas maiores para que poidan realizar actividades culturais, recreativas e de convivencia encamiñadas a promover a integración e participación na vida comunitaria do colectivo que integra a terceira idade, favorecendo o seu mantemento no medio social habitual. Esta liña de axudas en especie conta cunha dotación económica de 27.000 euros nos orzamentos do Concello.
Poderán optar ás axudas as asociacións sen ánimo de lucro que teñan como finalidade principal promover iniciativas, proxectos e programas para un envellecemento activo e actividades de ocio e tempo de lecer para as persoas maiores; ou, no caso de asociacións de veciños, as que conten con sección ou vogalía de maiores para estas fins, segundo os seus estatutos. Tamén deberán estar inscritas no libro de entidades cidadás do Concello e comprometerse a establecer un horario de apertura do local, cun mínimo de 500 horas ao ano e 5 días por semana e desenvolver un programa de actividades e servizos aos cidadáns do colectivo de persoas maiores, entre outros requisitos.
O Concello de Ourense publica no día de hoxe esta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e abre un prazo desde mañá, sábado, de 20 días hábiles para que as entidades interesadas poidan presentar solicitudes a través do Rexistro Xeral, na Casa do Concello, na Praza Maior ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, achegando a documentación necesaria.
As bases reguladoras están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Ourense de 8 de xuño de 2018, e estarán a disposición das persoas interesadas na páxina web do Concello de Ourense www.ourense.gal. A convocatoria deste ano foi aprobada pola Xunta de Goberno Local de 14 de febreiro de 2019.

Deja una respuesta