Venres 22 de Marzo de 2019

A Xunta apela á colaboración entre as administracións para mellorar as oportunidades laborais da Eurorrexión


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, como presidente do comité directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal, participou hoxe na reunión anual deste organismo en Valença do Minho
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Valença do Minho na xuntanza anual do Comité Directivo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal na que se avaliaron, entre outros asuntos, os obxectivos e prioridades para este ano para seguir favorecendo o emprego na Eurorrexión. Marnotes, que é o presidente do comité directivo, resaltou a importancia de seguir traballando e colaborando entre as administracións públicas para continuar mellorando a empregabilidade entre Galicia e o norte de Portugal.

Na xuntanza, Marnotes avogou por estender os servizos da rede Eures a todas as oficinas de emprego fronteirizas e defendeu un modelo baseado nunha orientación laboral aberta, abrindo novas vías de relación a través das TIC, reducindo a burocracia e poñendo en valor o coñecemento interno.

A función do Eures é proporcionar ás persoas sen emprego toda a información dispoñible sobre oportunidades de traballo na Eurorrexión e sobre aspectos relacionados coas condicións de traballo, para garantir a existencia dun mercado laboral transparente que permita aos cidadáns o exercicio do seu dereito de libre circulación no ámbito dos países que forman parte do Espazo Económico Europeo.

O director xeral, así mesmo, destacou a importancia da colaboración dos servizos públicos de emprego de Galicia e do norte de Portugal para deseñar estratexias comúns co fin de satisfacer as necesidades dos empresarios e dos traballadores apelando á colaboración para mellorar as condicións laborais.

Referiuse tamén á formación para o emprego como clave para incrementar as oportunidades laborais e dar, polo tanto, un pulo á economía, salientando a importancia da colaboración institucional neste eido. “Para que calquera rexión poda ter un futuro os traballadores necesitan estar formados, un proceso que ten que ser continuo”, rematou.

Deja un comentario