Venres 22 de Marzo de 2019

Medio Ambiente convida aos alcaldes da provincia de Ourense a sumarse ao Pacto para o clima e a enerxía, que xa conta con máis de medio cento de concellos galegos adheridos


A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, participou esta mañá en Ourense na presentación dunha iniciativa que pretende unir esforzos a nivel local para cumprir os grandes obxectivos fixados para 2030 en materia de consumo enerxético e emisións contaminantes

Xa son 51 os concellos galegos adheridos ao chamado Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, o maior movemento mundial impulsado para unir forzas e buscar sinerxías entre diferentes administracións co obxectivo común de combater o cambio climático. Así o puxo de manifesto a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, que esta mañá participou en Ourense nunha xornada para dar a coñecer esta iniciativa entre as entidades locais da provincia.

Tras lembrar que a Xunta decidiu participar no Pacto dos alcaldes como coordinadora en Galicia das iniciativas que se leven a cabo para acadar os obxectivos da UE nesta materia, Ferreira Costa incidiu na boa acollida que está a ter o movemento dentro da comunidade, sobre todo desde a posta en marcha da oficina técnica galega do pacto dos alcaldes o pasado mes de xaneiro. Así o demostra o feito de que na actualidade sexan xa 51 os concellos adheridos, 18 deles ourensáns, unha das provincias, recoñeceu, nas que mellor acollida está a ter a iniciativa.

Na actualidade, en Europa hai xa 7.755 municipios adheridos ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía pertencentes a 53 países. No caso de España, Ferreira Costa lembrou que son 1.826 as entidades locais implicadas e animou aos alcaldes e representantes municipais que acudiron hoxe á xornada en nome de 66 concellos da provincia a contribuír a que esta cifra siga crecendo. Neste sentido, asegurou que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e desde a premisa “pensar global, actuar local”.

Así, a directora xeral, que estivo acompañada durante a presentación polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, defendeu o potencial do municipalismo galego para combater o cambio climático e contribuír a dar resposta aos obxectivos fixados por Europa para o ano 2030, que se resumen en acadar un 27% menos de consumo enerxético, un 40% menos de emisións de CO2 e un 27% máis de enerxías renovables.

Nese sentido, engadiu que a implicación dos concellos é “determinante” no proceso de transición enerxética e na loita contra este fenómeno, dada a súa maior proximidade á cidadanía, polo que lembrou que o reto da Xunta desde o momento en que asumiu a responsabilidade e o papel de coordinadora do movemento en Galicia é lograr de aquí a 2020 a adhesión ao Pacto da práctica totalidade dos 313 concellos da comunidade.

Funcións da Oficina Técnica
A Oficina técnica do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía foi activada pola Xunta a comezos deste ano para actuar como interlocutor directo cos concellos, un instrumento co que se apoiará ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico vixente, reciban asesoramento individual e detecten posibles sinerxías.

Así, as principais funcións desta entidade serán asesorar a todos os concellos, axudándolles a elaborar o seu propio plan de acción para a enerxía sostible para o cumprimento dos compromisos fixados pola UE de aquí a 2030 ou na redacción do Plan de adaptación; e a creación de redes entre concellos, co fin de poñer en marcha accións entre administracións, como vía eficaz para afrontar grandes retos globais e acadar metas que serían inalcanzables doutro xeito.

Ao mesmo tempo, esta oficina tamén actuará como observador co fin de achegar información sobre distintos fondos e convocatorias e apoiar aos concellos á hora de identificar posibles vías de financiamento, a través do asesoramento personalizado para acadar os recursos necesarios que permitan poñer en marcha diferentes actuacións.

Deja un comentario