Venres 22 de Marzo de 2019

A Xunta reparte case 250.000 euros entre 21 asociacións veciñais de Ourense para desenvolver proxectos que benefician aos seus usuarios


As entidades que recibirán as achegas este ano son de Amoeiro, Baños de Molgas, O Carballiño, O Irixo, Lobios, Parada de Sil, San Amaro, Verín, Vilamarín e da cidade das Burgas

A Vicepresidencia da Xunta vén de resolver a liña de axudas dentro do Plan Específico de acción comunitaria destinada a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia; comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. Na provincia de Ourense estas axudas beneficiarán a 21 asociacións cunha achega global de preto de 250.000 euros.

As entidades que recibirán estas achegas da Vicepresidencia son de Amoeiro, Baños de Molgas, O Carballiño, O Irixo, Lobios (3), Parada de Sil, San Amaro, Verín, Vilamarín e da cidade das Burgas (10).

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, puxo en valor estas subvencións e enmarcounas na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e por todo aquilo que contribúa ao benestar dos cidadáns.

A convocatoria de axudas dispón para 2019 dun orzamento de 1,5 millóns de euros para toda Galicia, un 50% por cento máis que o ano anterior, o que permitirá ás asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais beneficiarias realizar investimentos para o acondicionamento e mellora dos locais sociais así como para a compra de novos equipamentos, o que lles permite manter a actividade que desenvolven, así coma a prestación de novos servizos, organización de actividades e reparacións de camiños veciñais. As comunidades de usuarios de augas poden conseguir axudas para a execución de obras de reparación de traídas veciñais de auga.

Deste xeito, contribúese a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza, xa que todas estas organizacións traballan moi apegadas á cidadanía e ás súas demandas.

Esta liña de subvención iniciouse no ano 2016, e a día de hoxe está plenamente consolidada nos orzamentos anuais da Dirección Xeral de Administración Local. Nos exercicios 2016, 2017 e 2018, ao abeiro desta orde de subvencións outorgáronse 626 axudas, e a cantidade total destinada a este fin foi de 6.400.000 euros.

Deja un comentario