Venres 22 de Marzo de 2019

A Xunta e o concello de Avión investirán case 100.000 euros na creación dun paseo no campo da feira


Ángeles Vázquez asinou esta mañá un convenio de colaboración co alcalde deste municipio ourensán co obxectivo de habilitar un novo espazo para uso e desfrute dos peóns e mellorar a zona próxima ao río coa mesma finalidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co concello ourensán de Avión nun proxecto urbanístico para levar a cabo un novo paseo no campo da feira municipal e adecuar co mesmo fin unha zona próxima ao regato do Cachizo. Así o confirmou esta mañá a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mediante a sinatura dun convenio de colaboración co rexedor municipal, Antonio Montero, polo que ambas administracións comprométense a cofinanciar os 99.159,49 euros nos que se estima inicialmente o custo total dos traballos.

Concretamente, a intervención prevista no Concello de Avión consistirá en acondicionar para crear un novo paseo dúas plataformas existentes na zona e localizadas a distinta altura –unha delas próxima a un vieiro de tráfico controlado e a outra localizada en medio dun espazo verde-, co obxectivo de habilitar unha nova área de paseo pensada para uso e desfrute da veciñanza que acuda a este lugar en días de feira.

Para garantir o acceso entre ambas plataformas faranse dúas escalinatas labradas no propio terreo e rematadas en madeira, creando así un acabado natural e adaptado á contorna. Tamén se contempla a realización de muros de contención a base de bloques de pedra granítica, de forma que queden nunha posición elevada sobre o terreo e a unha altura axeitada para que funcionen a modo de bancadas.

Así mesmo, a intervención completarase coa adecuación e mellora dun espazo próximo ao regato do Cachizo, no que se realizarán tarefas de limpeza e retirada de raíces e arbustos invasores nunha franxa de cinco metros respecto da marxe fluvial. O obxectivo neste caso será tamén habilitar unha zona de paseo arredor do río á que se accederá mediante unhas pequenas escaleiras traballadas sobre o terreo para salvar a diferencia de cota entre este espazo e o destinado a zona verde e área de esparexemento para a poboación.

Deste xeito e unha vez rematada a intervención, o terreo quedará modelado con tres franxas situadas a diferentes cotas e con distintos acabados a modo de pavimento que axuden a diferencialas.

O convenio asinado hoxe contempla para estas obras un investimento total de 99.159,49 euros, dos cales o departamento que dirixe Ángeles Vázquez achegará o 70% -é dicir, 69.411,64 euros- e o concello, o 30% restante -29.747,85 euros-. Unha vez contratadas, o prazo de execución previsto para os traballos é de cinco meses, polo que dependendo do ritmo ao que avance a tramitación, poderían estar rematados e en servizo este mesmo ano.

Balance do Plan Hurbe
Esta actuación enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e garanten o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos básicos para a cidadanía.

De feito, grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Consellería de Medio Ambiente actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Deja un comentario