Luns 25 de Maio de 2020

Jesús Vázquez: “Este é o mandato máis ambicioso da historia de Ourense, con máis de 306 millóns de euros acadados en inversións”


O alcalde de Ourense fai balance do seu mandato, no que destacou os logros acadados grazas ao diálogo con outras administracións e a pesar de contar coa peor das oposicións”

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fixo balance este luns do seu Goberno ao fronte da cidade, que cualificou como “o mandato máis ambicioso da historia de Ourense, con máis de 306 millóns de euros acadados en inversións”. Na súa intervención, o rexedor salientou os logros acadados grazas ao diálogo e colaboración con outras administracións, e denunciou o bloqueo e a falla de diálogo por parte da oposición.
“Amosámonos como un equipo que foi quen de lograr importantes acordos con outras administracións para esta cidade, e seguiremos facéndoo”, explicou Vázquez Abad, quen salientou que “máis do 80% do noso programa electoral está cumprido, e con moitos logros que non estaban aí contemplados.”
O rexedor destacou que as inversións acadadas para Ourense polo grupo de goberno permitiron “reactivar vellos e importantísimos proxectos”, como o Complexo Cultural de San Francisco, que contou cun orzamento de 40 millóns de euros; ou a Estación Intermodal (máis de 160 millóns) “que situará a Ourense no mapa mundial da arquitectura”.
Pero tamén reivindicou a posta posta en marcha de novas iniciativas, como o Centro Interxeracional; o albergue de peregrinos; actuacións en infraestruturas (como as entradas á cidade en Seixalbo ou a avenida Otero Pedraio); e proxectos como o Novo Hospital ou Campus Auga.
Así, en materia de infraestruturas deportivas o rexedor destacou inversións neste período por 7 millóns de euros, entre elas referiuse á construción da nova pista cuberta en Expourense que calificou como “a mellor da península”.
Vázquez Abad tamén reivindicou actuacións realizadas para rexenerar a área urbana, por importe de 6,5 millóns de euros, en especial a través do impulso e posta en valor do Casco Histórico Sur.
Ademais salientou que o Concello foi capaz de captar máis de 5 millóns de euros en programas europeos para a promoción do emprego; 10,2 millóns en arranxos, melloras e ampliacións de instalacións educativas e escolares; 3,6 millóns en axudas para o fomento do Turismo e Termalismo; así como 14,2 millóns de euros en axudas dedicadas ás persoas que máis o precisan.
O rexedor salientou que todas estas actuacións foron posibles grazas ao diálogo e colaboración por parte de outras administracións, fronte á falla de diálogo por parte dos grupos da oposición.
Na súa intervención, o alcalde recordou que o grupo de goberno atopouse no ano 2015 cunha cidade sumida en problemas administrativos de diversa índole e que se marcaron como obxectivo “reverter unha situación nada doada e poñer orde no caos”, como: unha EDAR a piques de perder unha chea de millóns procedentes dos fondos europeos; unha residencia universitaria pechada; ou un novo Hospital “no que non tiñan contemplados os accesos”.
“Resucitar estas situacións non foi doado. E aínda por riba aguantando as dobres mensaxes dos que nos abocaron a esta situación”, abundou o rexedor.

“O peor deste mandato, a oposición”
Nesta liña, Vázquez Abad criticou que o peor deste mandato foi a oposición que lle tocou sufrir, porque “tiña na súa man a maioría do Pleno e puido usar os seus votos para construír e para aportar en positivo, pero que preferiu bloquear”e facer unha política irresponsable.
Así afeou que algúns prefiren “proclamar na oposición o contrario do que fan cando gobernan”, mentres que outros “prefiren funcionar a golpe de ocorrencia, desprezando e denigrando o exercicio da política convertendo o Pleno nun lamentable espectáculo”.
Fronte a esta situación Vázquez Abad reivindicou que “seguiremos traballando como o primeiro día, porque sabemos que este proxecto terá continuidade, e cunha maioría suficiente para poder desenvolver todos os proxectos que precisa Ourense en liberdade e sen trabas ou bloqueos irracionais”.

Deja una respuesta