Domingo 22 de Setembro de 2019

Inauguración da Casa Consistorial de Toén


 

No acto, xunto ao presidente da Xunta de Galicia e ao alcalde do municipio, Manuel Baltar destacou a importancia desta infraestrutura, “unha nova cámara de representación política que é a casa de todos”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou a Casa Consistorial de Toén xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e ao alcalde do municipio, Amancio Cid, acompañados pola veciñanza. No acto, o presidente do goberno provincial destacou a iniciativa do alcalde de Toén de “propoñer proxectos racionais como este, a construción dunha Casa Consistorial porque é a casa de todos”.

“Esta nova cámara de representación política acollerá tamén as dependencias administrativas municipais para prestar os mellores servizos públicos aos veciños de Toén”, explicou Baltar, quen salientou a importancia da cooperación entre institucións que permite que “hoxe vexa a luz esta nova Casa Consistorial para o goce de todos”.

Pola súa parte, o presidente da Xunta de Galicia afirmou que “nós, como xestores temporais das cousas públicas de Galicia, sentímonos moi orgullosos de servir, de ser útiles e de entregar á veciñanza de Toén esta fermosa Casa”. Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo destacou a idoneidade do novo edificio “para os traballadores pero, sobre todo, para os propietarios que son os veciños”.

A construción deste novo edificio, que supuxo un investimento de ao redor de medio millón de euros, vén a facer realidade unha das demandas do noso municipio –explicou Amancio Cid- que conta desde hoxe cunha nova Casa Consistorial que vai a mellorar a accesibilidade e a comodidade da veciñanza á hora de realizar trámites municipais.

Deja un comentario