Venres 22 de Marzo de 2019

Sesenta e unha agrupacións encherán de ambiente festivo as rúas da cidade no Desfile de comparsas do Entroido


Sairá o domingo ás 17:00h desde As Lagoas ata a Praza Maior

 

Sesenta e unha agrupacións encherán de ambiente festivo as rúas da cidade no tradicional Desfile comparsas e carrozas do Entroido de Ourense 2019. Esta cita central da festa na cidade terá como lugar de saída As Lagoas, ás 17.00 horas, e o percorrido avanzará polas rúas Curros Enríquez, Xoan XXIII, Progreso e Doutor Marañón, ata rematar na Praza Maior. O desfile estará amenizado por 4 charangas: Dr. Anchoa, CLK, Albor e Castro Bello. O desfile ten prevista a súa chegada ás 18.30 horas á Praza Maior, onde haberá baile coa orquestra Capitol, con aforo limitado. O número de agrupacións participantes é similar ao do ano 2018, concretamente unha máis.

A festa continuará ás 19.30 horas, na mesma praza, co concurso para elixir o Rei ou a Raíña do Entroido 2019, a entrega de premios ás agrupacións gañadoras do Concurso de Comparsas e Carrozas para rematar coa coroación do Rei ou Raíña deste ano polo rei do Entroido 2018

O Concello de Ourense destina un orzamento de 18.000 euros a estes premios coa finalidade de estimular a participación do público nesta cita referente para veciñanza e persoas visitantes do Entroido da cidade.

Para as comparsas de máis de 10 compoñentes haberá un primeiro premio por importe de 900 euros, un segundo de 700 euros e terceiro de 500€. Para comparsas de menos de 10 compoñentes os premios serán de 400, 300 e 200 euros, respectivamente. Tamén haberá tres premios especiais de 300 euros cada un deles: á comparsa máis numerosa; á máis ocorrente ou graciosa e á mellor animación musical.

Na categoría de carrozas haberá dous premios de 300 euros cada un: ao mellor deseño e á mellor animación. Por outra banda, tamén haberá axudas para todos os participantes que completen o desfile e non acaden ningún premio. Para as carrozas estas axudas serán de 120 euros. E para as comparsas a cantidade varía segundo o número de integrantes.

O Rei ou Raíña do Entroido de Ourense 2019 percibirá un premio de 600 euros. Neste caso, as persoas interesadas poderanse inscribir ata esa mesma tarde, minutos antes de que comece a elección, na Praza Maior.

Deja un comentario