Venres 14 de Agosto de 2020

Porqueira inaugura a súa residencia de maiores, unha obra que contou coa Deputación de Ourense para a súa construción


 

A infraestrutura, aberta desde hoxe, conta xa con 12 persoas residentes e ofrece un total de 25 prazas. “É froito da cooperación entre institucións, o que fai posible a realización de proxectos tan importantes para o noso rural”, afirma Rosendo Fernández

O Concello de Porqueira inaugura hoxe a súa residencia de maiores, unha obra que contou coa Deputación de Ourense para a súa construción e mobiliario. A infraestrutura, para a que se destinou un total dun millón de euros, está aberta desde hoxe, e conta xa con 12 persoas residentes, dun total de 25 prazas de capacidade para residentes. “É froito da cooperación entre institucións, o que fai posible a realización de proxectos tan importantes para o noso rural”, afirmou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto inaugural, no que participou xunto á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez; e á delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, acompañados pola veciñanza do municipio.

Rosendo Fernández destacou que esta infraestrutura supón en total unha oferta de 35 prazas (25 de residencia e 10 que incluirá o centro de día) para atender aos nosos maiores, “e tamén leva consigo a creación de emprego e a dinamización económica e social do municipio”.

A Deputación de Ourense colaborou na construción, na adquisición de mobiliario e na posta en funcionamento dunha residencia que, “dentro de aproximadamente dous meses, tamén será centro de día, porque ao tratarse dunha xestión directa, decidimos esperar a que funcionase primeiro a Residencia”, explicou a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez.

Deja una respuesta