Venres 07 de Agosto de 2020

Aprobada a iniciativa de En Marea para que a Xunta reforce de persoal e material suficiente a Oficina Agraria Comarcal de Xinzo de Limia


Davide Rodríguez: «»Estase desmantelando a rede de Oficinas Agrarias Comarcais e reducindo o seu rol a mera burocracia»

O deputado de En Marea Davide Rodríguez presentou onte en Comisión Parlamentaria unha iniciativa para instar á Xunta a dotar de suficientes medios materiais e humanos a Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Xinzo de Limia. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, pretende corrixir o desmantelamento desta Oficina Agraria Comarcal, dentro dunha política de recortes que a Xunta e a Consellería de Medio Ambiente levan anos executando en toda a rede de OACs de Galicia.

O parlamentario de En Marea defende a importancia da labor de formación e asesoramento que se fai dende estas oficinas aos titulares de granxas e explotacións, que o goberno galego «está reducindo a mera burocracia» e denunciou que «se están substituíndo moitos servizos por trámites telemáticos que, na maioría dos casos, obrigan a usuarios e usuarias a contratar servizos privados para poder xestionalos».

«Isto, a día de hoxe, vese agravado polo feito de que vén de abrirse o prazo para tramitar as axudas da PAC e, en pouco tempo, comezarán as campañas para solicitar subvencións como as de novas incorporacións, os plans de mellora» manifestou Rodríguez, que lle lembrou á Xunta que estas tarefas «supoñen unha carga de traballo extraordinaria á que non van poder responder dende a oficina de Xinzo» coa actual dotación de recursos.

Hoxe, nas Oficinas Agrarias Comarcais da Galicia traballan máis de 300 profesionais entre veterinarias, enxeñeiras agrónomas, enxeñeiras técnicas agrícolas e persoal administrativo divididas nas case 70 oficinas agrarias comarcais distribuídas por todo o país. «Nos momentos actuais de crise dos sectores agro e gandeiros, a Consellería non é quen de dotar de persoal suficiente nin material ás oficinas agrarias comarcais», lembrou o deputado de En Marea.

A proposta de En Marea foi aprobada por unanimidade cos votos a favor de En Marea, PP, PSdeG e BNG.

Deja una respuesta