Xoves 12 de Decembro de 2019

A Deputación de Ourense financia os terreos para a construción de vivendas sociais en Oímbra


 

Manuel Baltar e Ana Villarino visitaron as parcelas adquiridas para a posta en marcha desta iniciativa municipal que pretende asentar poboación no concello

O presidente Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, visitaron os terreos, que foron financiados pola institución provincial, para a construción de vivendas sociais en Oímbra, unha iniciativa municipal que pretende asentar poboación no concello. O investimento da Deputación de Ourense destinado á adquisición destas dúas parcelas ascende aos 69.746 euros e “trátase do primeiro paso para poder desenvolver esta proposta da alcaldesa de Oímbra coa que persegue combater os problemas do despoboamento rural e contribuír a dinamizar a economía do municipio”, salientou Manuel Baltar.

Un vez adquiridos os terreos, “o seguinte paso é realizar un plan especial para poder construír estas oitos vivendas públicas”, dixo a alcaldesa de Oímbra, quen explicou que este plan especial, financiado tamén pola Deputación de Ourense, xa se atopa “redactado e iniciada a súa tramitación diante da Consellería de Medio Ambiente”. A zona na que se desenvolve o plan especial de ordenación rural está recollido no PXOM vixente do Concello de Oímbra, na marxe Este da estrada provincial OU-1010.

O presidente da Deputación de Ourense felicitou á alcaldesa de Oímbra pola súa “capacidade para propoñer iniciativas ao goberno provincial que contribúan a dinamizar o rural, fixar poboación e atraer a novas familias ao seu municipio, poñendo en valor o territorio”. Así mesmo, Manuel Baltar destacou o “dinamismo” do Concello de Oímbra para potenciar o rural e para desenvolver iniciativas que crean no noso territorio”.

Pola súa parte, Ana Villarino agradeceu “a colaboración permanente da Deputación de Ourense que permite que o noso rural desenvolva proxectos, neste caso sociais, que repercutan nunha mellora da calidade de vida dos nosos veciños e da economía municipal”.

Deja un comentario