Sábado 21 de Setembro de 2019

O Concello de Ourense cubre a praza de médico da Unidade de Condutas Aditivas


O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta que “con este nomeamento cumprimos co noso compromiso por darlle unha resposta ás necesidades das persoas usuarias da UCA, consolidando a atención médica cun novo facultativo que se sumará ao servizo que ofrecemos”

O Concello de Ourense vén de cubrir a praza de médico da Unidade de Condutas Aditivas (UCA). O facultativo reforzará o servizo que se ofrece nas instalacións do Hospital Santa María Nai, do Complexo Hospitalario de Ourense e que ademais de atención ambulatoria ofrece información, orientación e tratamento de drogodependencias.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta que “con este nomeamento cumprimos co noso compromiso por darlle unha resposta ás necesidades das persoas usuarias da UCA, consolidando a atención médica cun novo facultativo que se sumará ao servizo que ofrecemos”.
“Somos conscientes da enorme importancia da Unidade de Condutas Aditivas, que atende aos eslabóns máis febles da nosa sociedade. Por iso, desde o primeiro minuto o noso compromiso foi o de ofrecerlles as persoas que se acheguen as súas instalacións a mellor atención e servizo as súas necesidades a cargo dos mellores profesionais”, sinala o rexedor.
Vázquez Abad, recorda que “a designación do médico para a UCA é un primeiro paso nun proceso no que seguimos traballando, xa que estamos en trámite para cubrir o posto de auxiliar de clínica”.
O novo médico da UCA asumirá a responsabilidade e coordinación do traballos das unidades administrativas e técnicas. Entre outras funcións será o encargado da valoración e o diagnóstico dos pacientes, así como do seu tratamento e seguimento.

Deja un comentario