Luns 21 de Setembro de 2020

O alcalde de Ourense salienta a “inmellorable noticia que supón para a cidade” a adxudicación do proxecto para o deseño do edificio e da contorna do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade


O proxecto adxudícase por un importe total de 175.450 €, IVE engadido

 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta como “unha inmellorable noticia para a cidade” o feito de que a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia adxudicase o proxecto do deseño do edificio e da contorna do edificio que albergará o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, segundo publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) no día de hoxe.

“Isto é froito da cooperación de todas as administracións, pero especialmente da sensibilidade da Consellería de Política Social á hora de darlle a esta cuestión un carácter prioritario e responder con feitos ao que Ourense necesita”, asegura o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. “Pero tamén do empeño dos afectados e das súas familias, coas que mantivemos un diálogo aberto e constante. É un paso fundamental para que esta demanda social sexa por fin a realidade que todos desexamos”, di.

O anuncio do contrato, publicado no Diario Oficial de Galicia, fixa o importe de adxudicación: en 175.450 €, IVE engadido: no importe están incluídos os 24.000 € correspondentes ao primeiro premio que obtivo a empresa (Iglesias Veiga Arquitectos, S.L.P.) por ser a primeira clasificada no concurso de ideas.

“Será un centro de referencia en toda Galicia”, engade o rexedor, que se sente “especialmente orgulloso deste proxecto co que estamos a dar resposta a un dos colectivos máis sensibles da sociedade ourensá”. “Escoitamos atentamente as súas reivindicacións e propostas para dar resposta a todas as súas demandas”, afirma.

O centro, destinado a persoas discapacitadas maiores de 21 anos, instalarse nun terreo de 4.593 m2 que o Concello puxo a disposición da Xunta de Galicia, de maneira totalmente gratuíta, na rúa Cesáreo González, no barrio de Barrocás.

Deja una respuesta