Martes 23 de Abril de 2019

O Consorcio contra incendios destinará 448.760 euros para a adquisición de dous vehículos e material para operativos de intervención en emerxencias


 

O Pleno do Consorcio provincial de Ourense para o servizo contra incendios e de salvamento celebrado esta mañá no Pazo Provincial aprobou unha modificación de créditos que ascende aos 448.760 euros que será financiada con cargo ao remanente de tesourería. “ A principal partida orzamentaria desta modificación de créditos permitiranos adquirir dous vehículos denominados F.S.V. que son vehículos de servizos varios con tracción 4×4 que se dedican principalmente ao rescate e excarceración. Esta nova adquisición, que vén a completar a dotación de vehículos do Consorcio, irá para os parques da Limia e de Verín, dado que Valdeorras e O Carballiño xa dispoñen del”, así o informou o presidente do Consorcio, Pablo Pérez.

Así mesmo, dentro desta modificación de créditos, máis de 70.000 euros, irán destinados a “homoxeneizar as dotacións dos catro parques do Consorcio Provincial, así como a reforzar o último parque aberto, o do Carballiño. O investimento será destinado para a adquisición de material para operativos de intervención en emerxencias, que abrangue desde equipos respiratorios ata material de rescate a altura e material para excarceración”, explicou o presidente do Consorcio. Outra das inversións a destacar, que se farán froito desta modificación, é a “adquisición dunha cámara térmica de alta resolución para o dron híbrido, que resulta unha mellora substancial para a unidade de drons que xa está operativa e que incluso xa ten experiencia de saír nalgunha ocasión”, sinalou Pablo Pérez.

Por outra banda, o pleno do Consorcio aprobou o preacordo marco galego de eficacia xeral sobre subrogación en caso de recuperación do servizo público contra incendios e salvamento.

Deja un comentario