Sábado 20 de Outubro de 2018

Feijóo sinala o termalismo como “unha das nosas bazas fortes” para seguir mellorando os rexistros récord de Galicia en turismo


Recorda que a cidade de Ourense é “a segunda de Europa” en potencial termal

O presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense, polo cal ambas as dúas institucións se comprometen a “darlle o pulo definitivo á aposta polo turismo termal” que o Goberno autonómico leva poñendo en práctica “desde 2009”, segundo salientou o mandatario galego. Feijóo recordou que o turismo galego está a bater este ano récords históricos –excluíndo o Xacobeo 2010-, pois rexistráronse sete millóns de pernoitas ao longo dos primeiros nove meses de 2014, millón e medio delas correspondentes a turistas procedentes de fóra de España. “O turismo termal é unha das nosas bazas fortes para seguir mellorando estes rexistros”, subliñou.

O acordo rubricado hoxe por Feijóo e o presidente da Deputación de Ourense establece como obxectivo central poñer en valor turístico os recursos naturais da provincia de Ourense. Para conseguilo, o convenio tamén supón o nacemento do Consello Termal Ourensán, un organismo multilateral, formado polos concellos das vilas termais, a provincia, a Xunta de Galicia, o Goberno central e asociacións de empresarios, e que ten como finalidade reivindicar a grandeza termal desta provincia e “manter e reforzar o noso liderado natural”. Así e todo, o mandatario autonómico expresou a súa vontade de “sumar a todas as institucións posibles” a este acordo pioneiro.

“O acordo que asinamos hoxe ten como obxectivo amosarlle ao mundo esa singularidade”, enfatizou Feijóo, despois de recordar algunhas das cifras que mellor resumen o noso patrimonio termal, unha “beizón da natureza”. Ourense é “a segunda cidade europea en potencial termal, só por detrás de Budapest”, remarcou o presidente. “Tamén coñecemos que en Galicia existen máis de trescentas captacións desta auga milagreira dos nosos devanceiros, unha fonte por cada 10.000 habitantes”, engadiu.

O dirixente da Xunta de Galicia citou entre os “beneficios económicos e sociais” do turismo termal a súa capacidade para desestacionalizar a demanda turística e facer a nosa Comunidade un destino atractivo durante todo o ano; o feito de que atraia uns visitantes que, despois, poden “gozar dos recursos da nosa Comunidade”, e as cifras económicas dos balnearios galegos: os 1.400 empregos directos que xeran e os ingresos “próximos aos 60 millóns de euros que producen”. Este puxante sector rexistrou en 2013 931.000 pernoitas.

O acordo asinado este martes establece cinco liñas de actuación principais no campo do termalismo: as infraestruturas, a promoción, o coñecemento, os novos produtos e a organización. “Consideramos que é preciso manter unha liña clara de apoio a novos servizos diferenciados e de calidade que permitan seguir dotándonos dunhas infraestruturas de primeiro nivel”, afirmou Feijóo, antes de mencionar algunhas das infraestruturas polas que máis forte leva apostado a Xunta: a piscina flotante termal de Laias, Ecocaldas ou a Viña Termal de Berán. “É imprescindible que se visualice no mundo enteiro a provincia de Ourense como un destino turístico termal único, completo e cohesionado, tal e como se ten feito xa con Galicia”, salientou o presidente da Xunta. Para conseguilo, asegurou que levará “o destino Ourense, provincia termal onde vaia Turismo de Galicia”.

Respecto aos novos produtos turísticos, Feijóo recordou as “variacións orixinais e imaxinativas do turismo termal” nas que se está a traballar, coma o enohidroturismo na Ribeira Sacra, o Entroido Termal ou o termalismo corporativo para empresas.

Compromiso co Plan Termal
O compromiso da Xunta de Galicia co termalismo plásmase tamén na intensa colaboración entre a Administración e empresa privada que está a ter lugar nos últimos anos. E, nesta mesma liña, Feijóo garantiu que o Goberno galego seguirá cumprindo os compromisos do Plan Termal: coa finalización de forma inmediata das obras do balneario de Cortegada ou coa conversión da Fortaleza de Monterrei, unha obra en plena execución e que rematará no primeiro cuadrimestre do ano 2015; “de tal xeito que, no primeiro cuadrimestre de 2015, Cortegada e Verín poidan ofrecer turismo termal e aloxamentos de calidade”.

Feijóo destacou, tamén, a creación de novas rutas turísticas: “Xa se inaugurou o primeiro tramo da Ecovía fluvial do Támega -incluída na ruta termal e da auga Verín-Chaves-Vidago-; e estamos a desenvolver a vila termal de Lobios”, dixo, ao que engadiu, no eido da formación, a creación da Cátedra, no ano 2010, de Hidroloxía Médica –a segunda de España- e o Máster de Dirección e Planificación do Turismo do Interior e de Saúde, que se está a impartir na Universidade de Vigo.

Así mesmo, referiuse ao Campus da Auga, unha iniciativa na que se investirán más de 5,5 millóns de euros para converter a cidade das Burgas nun centro de investigación sobre a auga.

Todo este conxunto de actuacións supoñen, segundo afirmou o presidente da Xunta, un empuxe fundamental para que “nesta década consolidemos Ourense como un destino termal, de saúde e de ocio”. Para Feijóo, os máis de tres millóns de euros que o Goberno galego leva investidos no que vai de ano, xunto cos máis de 5,5 millóns que se investirán no Campus da Auga e as especificidades sinaladas proban que Galicia é “un camiño que cada vez máis cidadáns escollen; que a nosa Comunidade se está consolidando como un destino atractivo”.

Deja un comentario