Sábado 21 de Setembro de 2019

Feijóo destaca que as exportacións seguen crecendo en Galicia en 2014


 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que as exportacións seguen crecendo en Galicia en 2014 despois de acadar o seu récord o pasado ano e sinalou que en setembro foron o dobre que no conxunto de España.

Máis polo miúdo, e durante o acto de clausura do 75 aniversario do Grupo Zeltia, o responsable do Goberno galego salientou que Galicia é a cuarta comunidade autónoma onde máis creceron as exportacións no mes de setembro –un 18%, case o dobre que a media española, cun 9,6%-. “O pasado ano 2013, Galicia logrou o seu récord histórico de exportacións. E, pese a isto, neste 2014 as exportacións seguen aumentando”, abundou.

Feijóo explicou, tamén, que a Comunidade galega ten o terceiro maior saldo comercial de España. “Presentamos este 2014 un saldo positivo, +2.400 millóns, mentres que no conxunto do Estado é negativo, -18,800 millóns”, lembrou, remarcando, por outra banda, que as ventas ao exterior en Galicia supoñen o 7,6% do total das exportacións do Estado.

Así mesmo, insistiu na importancia da cooperación entre empresa, investigadores e administración, “os tres cimentos –aseverou- do desenvolvemento”. E, nesta liña, asegurou que a empresa galega é consciente da necesidade de innovar e internacionalizarse para abrirse ao porvir e ao mundo e así multiplicar as súas posibilidades de hoxe e do mañá. “Crece a innovación para ofrecer produtos e servizos de calidade e diferenciados nunha economía máis globalizada”, dixo, ao que resaltou que a crise levounos a todos a explorar novas rutas non adoptadas ata entón para saír dela, “e para abrirnos ao mundo e intentar acreditar que sabemos facer cousas cunha calidade importante e cun prezo competitivo”.

Ao fío disto, o presidente da Xunta subliñou que o Grupo Zeltia pasou do desenvolvemento de fármacos, a fabricar, comercializar e distribuír. “É punteira tanto no sector biofarmacéutico como no de química de gran consumo”, dixo, logo de expresar o seu convencemento de que os novos logros a alcanzar conseguiraos “mirando cara ao futuro con confianza e cara ao pasado con gratitude”.

Para o presidente da Xunta o Grupo Zeltia é a proba de que innovar e conservar nunca son termos antitéticos, xa que “a ciencia –afirmou- parécese a unha carreira de relevos na que cada corredor aproveita o esforzo do anterior, e presta o seu ao seguinte”.

O responsable autonómico salientou tamén que, na súa orixe, en Zeltia produciríase unha feliz maridaxe entre empresarios audaces e investigadores como Ramón Obella, Fernando Calvet ou Faustino Cordón. “Deseguida os fundadores se empeñan en vincular a nova empresa coa Universidade galega, mediante a constitución dun Comité Científico Asesor composto por catedráticos de Ciencias, Farmacia e Medicina. Na primitiva Zeltia atopamos empresarios que alentan científicos, e científicos que se apoian en empresarios. Na primitiva Zeltia prodúcese con naturalidade a cooperación entre empresa e Universidade, que segue sendo un dos grandes retos de hoxe en día”, aseverou.

Feijóo precisou que a eses dous factores engadiríase anos máis tarde outro, coa posta en marcha da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios adscrita ao Ministerio de Sanidade. “Empresa, investigadores e administración; os tres cimentos dun proxecto sólido”, incidiu.

Así mesmo, e como sucedería despois con outros grandes proxectos empresariais, o titular da Xunta subliñou que a galeguidade indiscutible dos pioneiros deste grupo “non limita senón que impulsa”. E, neste sentido, aseverou que resulta significativo que, ao mesmo tempo que os promotores se involucran na editorial Galaxia, piar esencial da cultura, prodúcese a primeira fase da internacionalización da firma. “Velaí un trazo fundamental do galeguismo no que cremos: non é unha forma de defenderse do mundo, senón de conquistalo. Neste caso, a través da ciencia”, abundou.

Deja un comentario