Xoves 25 de Abril de 2019

Volven as sesións de ioga termal na piscina das Burgas


 

Celebraranse os días 16 de febreiro; 2 e 16 de marzo; 6 e 20 de abril; 4 e 18 de maio; e 1 de xuño en horario, de 11:00 a 12:30 horas

A Concellería de Termalismo do Concello de Ourense organiza, até o mes de xuño, a actividade “Ioga termal nas Burgas”. Celebraranse dous sábados ao mes, en horario de 11 a 12:30 horas, con aforo limitado, comezando o día 16 de febreiro. De carácter gratuíto, poderán participar na actividade persoas adultas, así como nenas e nenos a partir de 7 anos de idade que poidan facer uso das termas -sempre acompañadas dunha persoa adulta-. Non é precisa inscrición previa, e para participar é preciso acudir con traxe de baño, toalla e chanclas, así como respectar as normas da instalación.

“Ante o rotundo éxito que supuxo esta actividade nas pasadas festas de Nadal, propuxémonos darlle contuidade para ofertar esta novidosa actividade que conxuga ocio, termalismo e saúde nun enclave único como é o da piscina termal de As Burgas”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez Abad.

Calendario: 16 de febreiro; 2 e 16 de marzo; 6 e 20 de abril; 4 e 18 de maio; e 1 de xuño. Horario, de 11:00 a 12:30 horas.

A actividade retómase despois do éxito acadado en pasadas edicións, cando foron numerosas as persoas se achegaron ás Burgas para participar nesta experiencia de relaxación, que persegue liberar tensión no corpo e na mente. Durante hora e media os músculos descárganse, desenvólvese a respiración e o sistema nervioso equilíbrase.

Método Wellness. As sesións utilizarán o “Método Wellness”, desenvolvido especificamente para espazos termais. Formúlase a partir dunha mestura entre técnicas de ioga e termalismo, que crea unha sinerxia de beneficios para as persoas usuarias. Está enfocado como unha actividade realizada en grupo cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar integral como garantía de calidade de vida.

A actividade consiste en mobilizar o corpo e estirar os músculos para eliminar tensións, mellorar a flexibilidade e conseguir que todo o corpo se atope mellor de xeito instantáneo, grazas tamén aos beneficiosos efectos das augas termais en articulacións, osos, músculos e pel. O Método tamén inclúe exercicios de respiración que amplían a capacidade pulmonar mellorando a osixenación. Finalmente, desenvólvense técnicas de concentración e relaxación para calmar a actividade mental, combater o estrés, equilibrar o sistema nervioso e crear un espazo de paz interior.

Deja un comentario