Mércores 21 de Agosto de 2019

O Proxecto Youtubeir@s busca “consolidar a comunidade creadora galega na rede” a través da ampliación do calendario de actividades e duns premios con maior dotación


 

Baixo o lema ‘Conéctate á comunidade e multiplícate!’, arrinca a terceira edición desta iniciativa para fomentar o galego en Youtube a través dun certame, campañas de difusión e cursos de formación

O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña, lanza a súa terceira edición coa meta de consolidar a comunidade de youtubeir@s que naceu, participou e medrou ao abeiro desta iniciativa nos últimos anos. “Este obxectivo únese así á esencia última do Proxecto Youtubeir@s, que non é outra que promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube”, sinalou a coordinadora do proxecto, Mónica Fernández Valencia, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago; José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; Goretti San Martín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e Gumersindo Feijóo, vicereitor de Planificación e Proxección Estratétixca da USC, presentou en representación das institucións organizadoras esta mañá, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o groso de actividades que se desenvolverán neste 2019.

Na presentación, lembráronse diferentes cifras ao respecto das dúas edicións anteriores. En concreto, destacouse que máis de 380 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e os 80 anos, acudiron aos cursos de formación e que ao abeiro do proxecto se produciron máis de 2.000 minutos de contido en galego en Youtube. Ademais, máis 400 persoas participaron xa nas dúas edicións dos Premios Youtubeir@s, unha das liñas de acción deste proxecto que, para esta edición, aumenta o número de categorías e incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 euros de 2018 aos 6.500 euros desta terceira convocatoria. A cifra repartirase nos galardóns das categorías nas que se divide o certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos. Precisamente, esta última categoría é a gran novidade deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en Youtube. A estas catro categorías súmanselle outras catro que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. A estes oito galardóns, hai que sumarlles o premio do público, chamado #propostayoutubeira, coa que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico, proposta@youtubeiras.gal, un vídeo do que sexan seareiros/as. Este ano, amplíase o prazo de inscrición, que principia hoxe mesmo, 13 de febreiro, e remata o vindeiro 27 de setembro.

Formación

Outro dos piares do Proxecto Youtubeir@s dedícase á formación, que este ano centrará parte dos seus esforzos en cursos e obradoiros destinados principalmente á comunidade educativa. Aínda que Youtubeir@s é un proxecto interxeracional, son precisamente as xeracións máis novas -as que naceron xa como nativas dixitais- as que converteron Youtube nunha plataforma de encontro na que intercambiar opinións, inquedanzas ou amosar os seus coñecementos, impulsando así o concepto de youtubeir@s como novos axentes de comunicación. Por ese motivo, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.

Youtubeir@s en conexión

Outra vía de traballo do programa para esta nova edición titúlase Youtubeir@s en conexión e o seu obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate. Con esas metas, desenvolveranse no mes de xuño na Coruña dous grandes eventos. O primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, no que diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede.

O segundo deles será a Xornada para Youtubeir@s, na cal se convoca a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis (lingüístico, temático, creación de públicos), de xeito que se propicie un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras.

A estas tres liñas de acción: as actividades, os premios e a formación, cómpre engadirlles outras iniciativas de visibilización, como a acción nas redes sociais, a presenza en festivais e eventos culturais, ou programas de accións de difusión da lingua que se darán a coñecer e se desenvolverán ao longo deste novo ano youtubeiro.

Organización

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

Deja un comentario