Martes 23 de Abril de 2019

Obras, economía e promoción gastronómica, entre os temas das comisións informativas


 

As comisións informativas da Deputación de Ourense, que celebran hoxe e mañá as súas reunións, tratarán temas referidos a obras, economía e promoción gastronómica da provincia de Ourense. Na comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase o expediente de modificación nº 1/2019 das bases de execución do orzamento do Inorde para o exercicio 2019, que ascende aos 66.000 euros, en dúas axudas para a Asociación de cociñeiros de Ourense, para iniciativas de promoción gastronómica local.

Asemade, esta comisión tratará a revogación da delegación na Deputación de Ourense do exercicio das competencias de xestión tributaria e recadatoria do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica de Xunqueira de Espadanedo e aceptación da delegación da recadación executiva deste imposto. Tamén se tratará a delegación na Deputación das competencias municipais de xestión recadatoria en vía executiva do imposto de construcións, instalacións e obras do Concello de Baltar.

Na comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratarase a aprobación inicial do proxecto de expropiación da obra de construción do cemiterio no municipio de Beariz, así como a expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU–0551 Pontenova-Bellao, no municipio de Ourense.

A comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade, que se celebra mañá xoves, abordará a cesión á Xunta de Galicia de xeito gratuíto do uso do inmoble no que se sitúa o IES de Vilamarín, cesión que non supón a transmisión da titularidade, que continúa a ser provincial, e que terá unha vixencia de vinte anos, prorrogables por dez máis.

Deja un comentario