Mércores 21 de Agosto de 2019

Sanidade promove a saúde bucodental cunha actividade en 51 centros educativos de infantil e primaria da provincia de Ourense na que participan preto de 1.900 escolares


O programa ‘Coidando a miña boca’ enmárcase nas accións didácticas orientadas á promoción da saúde que a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade desenvolve durante o curso escolar

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo, e da xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Luz Fernández Quintas, acudiu ao CEIP Albino Núñez, da cidade, no que hoxe se desenvolvía o programa Coidando a miña boca que forma parte das actividades de promoción da saúde que promove en Ourense a Consellería de Sanidade e que se oferta aos centros educativos para fomentar os hábitos de hixiene bucodental entre os escolares.

Díaz Mouteira animou ao alumnado que participou na actividade, concretamente 18 rapaces de 3º de Primaria, a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, como o cepillado dental correcto ou o consumo dunha dieta que evite a carie.

A actividade está dirixida ao alumnado dos ciclos educativos de Infantil e Primaria e divídese en tres grupos, adaptando o seu contido segundo as distintas idades. Estrutúrase en 3 partes: unha charla teórica que exporá as funcións dos dentes e da boca, enfermidades máis frecuentes e as medidas preventivas, entre outras nocións; a proxección dun vídeo coa finalidade de sensibilizar aos participantes da importancia da alimentación e da hixiene na saúde bucodental; e, para rematar, un xogo dental que axude a fixar a información recibida.

En Galicia, segundo o último informe de Sanidade a saúde bucodental dos escolares evoluciona favorablemente. A prevalencia de carie continúa descendendo no grupo de 12 anos e o valor actual, do 40%, está situado por debaixo do atopado no conxunto de España, que ronda o 47%. Malia todo, a hixiene oral nas idades temperás aínda ten moito que mellorar.

Asemade, na Enquisa Nacional de Saúde 2017, realizada polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, «o 75% de nenos entre 5 e 14 anos non cepillan os dentes as tres veces ao día recomendadas».

A representante do Executivo galego en Ourense considera que estes datos fan necesario “potenciar os programas de atención dental á poboación infantil e xuvenil cun enfoque preventivo e asistencial co obxectivo de crear unha nova cultura de coidado bucodental nos escolares”.

Complementariamente á atención e prevención realizada por odontólogos e hixienistas de Atención Primaria, a Xefatura territorial de Sanidade promove dende hai varios cursos este programa formativo no que este ano participarán preto de 1.870 escolares de 51 colexios da provincia. Esta actividade enmárcase nas accións didácticas orientadas á promoción da saúde que Sanidade desenvolve nos centros escolares da provincia a través, fundamentalmente, de catro programas: Coidando a miña boca, Clases sen fume, Aliméntate ben e Apuntámonos a non beber.

Deja un comentario