Mércores 21 de Agosto de 2019

Nava Castro participa no día do turismo de Xantar 2019 para agradecer ao sector a súa contribución á prosperidade de Galicia


A directora de Turismo visitou os expositores do XX Salón Internacional de Turismo Gastronómico e asistiu á entrega de premios a diferentes profesionais

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou  nos actos centrais do Día do Turismo que se celebraron no marco do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2019 en Ourense e que incluíron unha entrega de premios a diferentes profesionais e empresas do sector turístico que viron recoñecida a súa contribución a que Galicia continúe avanzando en calidade.

O acto serviu para pór de manifesto a importancia da colaboración público-privada para seguir facendo da Comunidade galega un destino punteiro especialmente no eido enogastronómico. Un eido que centra un dos principais compromisos da Consellería de Cultura e Turismo desde onde se continúa a avanzar na folla de ruta do enoturismo galego. Trátase de Galicia Sabe, a estratexia para promover o recoñecemento, protección e a difusión local, nacional e internacional da cultura enogastronómica galega a través dunha actividade turística sustentable e que poña en valor a tradición e vangarda.

A directora de Turismo visitou tamén diferentes expositores da feira que este ano roldan os 300 e que contan con máis de 12 países representados, incluíndo España, Portugal, Brasil, Panamá, Costa Rica, México, Italia, Perú, Colombia, Cuba, Arxentina e Nicaragua. Entre eles, a Consellería de Cultura e Turismo conta tamén nesta edición de Xantar 2019 cun espazo específico para difundir a oferta turística xeral da Comunidade galega.

Produtos galegos
Os actos do Día do Turismo inclúense na intensa programación de Xantar 2019 que desde o mércores e ata mañá está a converter a cidade de Ourense no epicentro do turismo enogastronómico. Inclúe máis de 200 experiencias culinarias, aulas e showcookings coa participación de cociñeiros dunha decena de países e restaurantes galegos e de varias rexións de Portugal, Panamá ou Brasil que ofrecen máis de 20 menús baseados en produtos autóctonos con alimentos amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Deja un comentario