Mércores 21 de Agosto de 2019

A Deputación de Ourense convoca o VI Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar


 

O lema desta edición é “Os nosos concellos: a casa de todos”

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe as bases reguladoras e a convocatoria do VI Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 8 de febreiro de 2019.

O certame desenvólvese nesta edición de 2019 baixo o lema “Os nosos concellos: a casa de todos”, e poderán participar nel os estudantes de centros de ensino xeral tanto públicos coma concertados ou privados da provincia de Ourense, en dúas posibles modalidades. O alumnado dos niveis educativos de infantil, primaria e educación especial deberán presentarse na modalidade de debuxo ou traballo artístico cunha proposta que faga referencia ao lema do concurso e que deberá ser presentada nun folio ou cartolina en branco, tamaño A4, non terá relevos e a técnica que empregarán será libre.

Pola súa parte, na modalidade de redacción sobre o Estatuto de Autonomía, poderán presentarse os alumnos de ensino obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional con traballos que teñan unha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, a man ou en ordenador, por unha soa cara e a dobre espazo.

En caso de que o traballo se faga en ordenador, o tipo e tamaño de letra será Arial 12. O traballo literario poderá ser ampliado ou complementado con fotografías, recortes de prensa, etcétera. Os traballos poderán presentarse en papel ou en soporte electrónico cunha tecnoloxía que permita a súa visualización nun entorno windows. O autor poderá entregar un CD/DVD coas aplicacións reinstaladas que permitan a visualización sen ningún tipo de instalación en disco.

O xurado do certame, encargado de cualificar os traballos presentadas, estará conformado polo presidente da Deputación de Ourense, como presidente; polo deputado provincial de Cultura, como vicepresidente; e como vogais estarán un representante de cada un dos grupos políticos con representación no pleno da Deputación, designado por estes; e actuará como secretario, con voz pero sen voto, o asesor de Cultura. Os titulares poderán delegar as súas funcións nas persoas que estimen oportunas. O ditame do xurado farase público o día 29 de marzo.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo, o xurado seleccionará os 20 mellores traballos, tendo en conta cada un dos niveis educativos, así como os diferentes cursos e idades dos participantes, que serán premiados cun diploma e un lote de libros. Mentres que, na modalidade de redacción, o xurado seleccionará os 20 mellores traballos, tendo en conta os niveis educativos, cursos e idades dos participantes, que serán premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela, para visitar o Parlamento de Galicia, e realizar algunha outra actividade cultural.

A entrega dos premios terá lugar no transcurso dun acto institucional, presidido polo presidente da deputación, o día 6 de abril de 2019, para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Cooperación

En materia de Cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou catro modificacións do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019, relativas aos concellos de Baltar, Cortegada, A Teixeira e Viana do Bolo. No caso do municipio de Baltar, incorpora ao Plan principal a obra “acondicionamento de espazos públicos en Baltar”, cun orzamento total de 48.000 euros. O Concello de Cortegada, pola súa parte, incorpora ao Plan principal a obra “mellora da iluminación pública de Refoxos e Valongo”, cun orzamento de 48.000 euros. O municipio da Teixeira incorpora ao plan principal a obra “construción de depósito de decantación para retratamento e potabilización da auga bruta na Veiga das Cruces”, cun investimento de 48.000 euros. E, por último, o Concello de Viana do Bolo incorpora ao Plan principal a obra “adecuación das rúas María Pita e Toural en Viana do Bolo”, cun orzamento que ascende aos 100.000 euros, dos cales a Deputación achega 48.000 euros.

Deja un comentario