Domingo 16 de Xuño de 2019

O conselleiro do Medio Rural visitará Rairiz de Veiga para analizar as posibilidades de recuperar a produtividade agrogandeira dalgúns predios do concello


José González recibiu hoxe en San Caetano á alcaldesa, que solicitou proxectos para crear actividade económica rendible en parcelas infrautilizadas

O conselleiro do Medio Rural, José González, recibiu hoxe en San Caetano á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade, que lle trasladou a súa intención de crear actividade económica rendible en parcelas infrautilizadas do seu municipio. O titular de Medio Rural recibiu esta petición con moito interese, xa que encaixa coa filosofía da Xunta de poñer a producir parcelas abandonadas para así revalorizar o rural.

Neste sentido, o conselleiro comprometeuse a estudar as posibilidades agrarias e forestais que teñen as terras do municipio, e avanzoulle á alcaldesa que visitará o concello para comprobar o estado das parcelas a recuperar . Así llo trasladou José González á rexedora durante o encontro, no que tamén participou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.

Ademais, co obxecto de facer máis competitivas as parcelas do municipio, na reunión abordouse a cuestión das reestruturacións parcelarias abertas no municipio. Así, no que se refire á concentración de Guillamil-Sabariz, o conselleiro informou de que están a punto de rematar as obras da rede de camiños principais, na que se investiron preto de 1,8 millóns de euros. En total, Medio Rural investiu neste proceso de reorganización da terra 2,2 millóns de euros que permitiron reducir o número de parcelas de 18.159 a 2.200. Son un total de 1.077 os propietarios beneficiados por este proceso que está en fase de enquisa previa ao acordo.

Deja un comentario