Mércores 21 de Agosto de 2019

A Xunta informa ás entidades locais de Ourense da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade cifrada este ano en máis de 5,3 millóns de euros


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvencións

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron  unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos concellos da provincia ourensá para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia. O Goberno galego destinará a este programa un importe de máis de 5,3 millóns de euros, o que supón o incremento dun 16% respecto ao ano 2018.

Concretamente, ao abeiro desta convocatoria a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación, facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, así como tamén apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM) existentes en Galicia, integrada por 82 centros dos que 15 pertencen á provincia de Ourense.

O orzamento destas axudas está cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo, agás os apoios referidos ao programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra a mulleres, que constitúe a novidade da convocatoria deste ano e que proveñen do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos. Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións 59 concellos da provincia de Ourense recibiron un total de 721.000 euros.

Catro programas
A resolución que se vén de publicar no DOG engloba catro programas: os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que se contemplaban anos anteriores e un máis a maiores:

Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).
Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.
O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas nalgún destes catro programas.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 8 de marzo.

Accións subvencionables
A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos beneficiarios tomar medidas para fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares. Esta liña tamén financiará os bancos de tempo coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes, cuxa medida é a hora de tempo. Conta cun orzamento de 797.065 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos. Na pasada convocatoria, as entidades ourensás recibiron a través desta liña 144.000 euros.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. O pasado ano as entidades da provincia beneficiáronse de máis de 22.000 euros ao abeiro desta liña de axudas.

O programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM), é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 3.411.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Na anterior convocatoria, os CIMs da provincia recibiron máis de 555.252 euros. Esta liña de axudas ten como obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Así, o Goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos nestes centros de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Novidade
E finalmente, está o programa pioneiro que se introduce este ano por primeira vez na convocatoria que é o de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, dotado con 800.000 euros dos fondos do Pacto de Estado da violencia de xénero. Cando se trate dunha solicitude individual a contía máxima da axuda será de 8.000 euros, mentres que no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos pode acadar os 10.000 euros. Grazas a estes apoios se poderán desenvolver actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación e a promoción de igualdade de oportunidades; actuacións de sensibilización e concienciación e loita contra a violencia dirixidas a toda a cidadanía; campañas específicas dirixidas a nenas, nenos, adolescentes e mocidade; campañas dirixidas ás mulleres máis vulnerables como as que viven no ámbito rural, ás mulleres maiores ou ás que sofren algún tipo de discapacidade, entre outras; elaboración de materiais, campañas, ou protocolos de actuación contra a violencia sexual, así como establecemento en espazos públicos de puntos seguros e de información sobre violencia sexual;e, por último, elaboración e difusión de materiais con información sobre a violencia machista entre as mulleres que exercen a prostitución e os dereitos que as asisten.

Deja un comentario