Sábado 23 de Febreiro de 2019

Ourense en Común tende a man á creación “dunha grande maioría coa que traer a onda do cambio ao concello de Ourense”


Desde o espazo municipalista sinalan o próximo mes de maio como unha “nova opor-tunidade para recuperar o futuro dunha cidade abandonada e conxelada no tempo polo PP”

Ourense en Común manifestaba hoxe a súa disposición para camiñar coas outras organizacións progresistas de Ourense cara a un “proxecto político de amplitude, onde compartir e aglutinar ideas, e onde as diferenzas se entendan como un elemento enriquecedor, e se antepoña como obxectivo o ben común”, apelando así a forzas como o PSOE e o BNG para integrarse nun espazo plural capaz de botar ás dereitas do goberno de Ourense.
Con esto contestan á proposta da plataforma Ourense Mellor, coa que mantiveron unha xuntanza a pasada semana, e explican que “no propio adn do municipalismo levamos a apertura a todas as que veñan para sumar ata acadar unha grande maioría coa que poidamos sumar o concello de Ourense á onda do cambio”, defendendo a súa proposta horizontal e autoxestionada como unha ferramenta de empoderamento persoal, diversa e heteroxénea, na que teñen encaixe militantes de organizacións políticas, sindicais, culturais, veciñais e calquera persoa con inquedanzas de loitar por un mellor Ourense. “Mantemos o camiño, o horizonte e a misión coa que comezamos esta andaina en 2015”.
Evocan a anterior cita electoral, na primavera de 2015, como un fito que situou ás persoas no centro das políticas municipais en moitas cidades do Estado como A Coruña, Barcelona, Madrid, Compostela e outras, onde a día de hoxe o cambio xa é unha realidade coa municipalización de servizos, o aumento en bolsas de comedor e material escolar, a renda básica para persoas en exclusión social ou a creación de novos servizos públicos.
Fixan as eleccións municipais do vindeiro mes de maio como unha nova oportunidade para recuperar o futuro en Ourense e superar o legado do Partido Popular, que deixa unha cidade abandonada e conxelada no tempo, onde todos os servizos públicos, incluídos os máis sensibles (axudas á dependencia, casa de acollida, becas comedor e material escolar…), son prestados de forma precaria e deficiente e acumulan débedas millonarias, e onde os grandes retos (PXOM, despoboación, modelo económico…) seguen sen resolverse. Avalían crudamente a un goberno que beneficia aos especuladores e mermou en ata seis millóns de euros a capacidade inversora municipal, que converteu ao Concello en moroso, e que foi incapaz de presentar un orzamento en catro anos.
Ourense en Común compromete que se manterá sempre traballando cos principios básicos de xustiza, equidade social e ambiental e coa democracia participativa como método, e conclúen que “apoiaremos calquera proxecto político que, respectando estes principios, sexa quen de crear un espazo máis amplo que o propio Ourense en Común, e subir o noso municipio á onda de progreso e cambio”.

Deja un comentario