Mércores 26 de Xuño de 2019

O Concello impartirá cursos para 180 persoas desempregadas, menores de 30 anos, a través do proxecto “Ourense Activa”, en colaboración co Fondo Social Europeo


O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, confirmou a adxudicación do servizo encargado de impartir a formación teórica e transversal dun conxunto de itinerarios formativos, que serán presentados proximamente

 

O Concello ultima a convocatoria dunha serie de cursos para 180 persoas desempregadas, a través do proxecto “Ourense Activa”, programa cofinanciado en colaboración co Fondo Social Europeo e destinado a promover o emprego entre persoas menores de 30 anos da nosa cidade. Así o informou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que confirmou a adxudicación do servizo encargado de impartir a formación teórica e transversal dun conxunto de itinerarios formativos, que serán presentados proximamente.

Na Xunta de Goberno deste xoves aprobáronse un total de 23 asuntos. Entre eles o rexedor Jesús Vázquez destacou “importantes asuntos en materia de contratación” coma o servizo de vixilancia, atención e control do recinto termal das Burgas, por unha anualidade e por un importe de 31.711 euros. “Tamén aprobamos o expediente para a contratación do subministro de Internet durante os vindeiros dous anos para La Molinera, por un importe total de 18.600 euros”, explicou o rexedor.

No departamento de Avogacía Consistorial deuse conta de (6) seis asuntos: tres emprazamentos e outras tantas sentenzas.

O primeiro emprazamento, no Contencioso Administrativo 1 de Ourense, con motivo do procedemento interposto por un particular contra a caducidade dun expediente de Disciplina Urbanística. No Contencioso Administrativo 2, na actuación iniciada polo propietario dun establecemento sancionado (3,005,7 euros) por inducir ao consumo abusivo de alcohol; e no Contencioso Administrativo 3, no Auto de despido dun traballador da empresa Matadero de Ourense SL.

A primeira sentenza (Contencioso Administrativo 1) desestima o recurso dunha particular contra a denegación de licenza de ocupación dunha vivenda, ao existir “unha clara discrepancia” entre o proxecto e a obra executada.

Este mesmo xulgado estima en parte o recurso interposto por unha axencia artística por responsabilidade patrimonial tras a anulación do concerto do grupo británico “Waterboys”, previsto polo anterior Grupo de Goberno para as festas da cidade no ano 2015. Aquel concerto suspendérase porque non había un procedemento de contratación e os técnicos entendían que era imposible levalo a cabo a uns días do inicio das festas. O xulgado estima só en parte o recurso de responsabilidade patrimonial e fixa a indemnización en 27.915 euros (máis xuros legais e sen imposición de costas) fronte a demanda da axencia, que reclamaba 46.586 euros máis IVE.

A última sentenza (Contencioso Administrativo 2) desestima o recurso interposta pola propietaria dunha vivenda derrubada, que reclamaba que o Concello executase a limpeza e crebado dos residuos da demolición. O fallo conclúe que o derribo executouse correctamente e condena á demandante ao pago das costas.

Licenzas Urbanísticas (1). Concedeuse prórroga para o inicio das obras de instalación dun ascensor nun edificio.

Disciplina (1) Inadmitiuse o recurso dun particular contra a declaración de nulidade dunhas obras efectuadas sen licenza.

Patrimonio (4). Recoñeceuse unha responsabilidade patrimonial a favor dunha comunidade de propietarios; consideráronse desistidas outras dúas reclamacións, e estimouse parcialmente unha reclamación a raíz da concesión dunha licenza urbanística no ano 2014.

Planeamento urbanístico (1). Deuse conta do pagamento das costas procesais dun xuízo.

Recursos Humanos (2). Desestimouse un recurso contra a convocatoria e bases da elaboración de listados de TAGs (técnicos da administración xeral) para a selección de persoal funcionario interino, e aprobouse o abono dunhas costas xudiciais.

Cultura (1) Aprobáronse as bases e a convocatoria do XXXV Premio de Poesía Cidade de Ourense, dotado cun premio de 6.000 euros e a publicación dun libro. Poderán concorrer obras en portugués e galego. O prazo de presentación remata ás 14:00 horas do 12 de abril. As bases pódense consultar na web da Concellería de Cultura (Ourensecultura.com).

Participación Cidadá (3). Desestimáronse tres recursos contra a convocatoria de subvencións a asociacións de veciños para a realización de programas ou actividades a favor do asociacionismo por non cumprir cos requisitos esixidos para a concesión.

Alcaldía (1). Deuse conta, da delegación das competencias das áreas de Infraestruturas e Medio Ambiente na concelleira dona Ana Fernández Morenza, un acordo do que se deu conta ao pleno.

Deja un comentario