Mércores 26 de Xuño de 2019

«Cociña Ourense» presenta en Xantar a súa aposta pola gastronomía feita cos produtos ourensáns


 

Impulsada pola Deputación de Ourense esta asociación, integrada polos mellores restauradores da provincia, ten como obxectivo «defender o compromiso coa terra, os produtos autóctonos e as excelencias eno-gastronómicas da provincia de Ourense», destacou Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou  en Expourense, no marco do salón internacional de turismo gastronómico, «Xantar», na presentación de «Cociña Ourense», unha asociación, dixo, que ten como obxectivo «amosar ao mundo o mellor da gastronomía ourensá, elaborada con produtos autóctonos, e defender o compromiso coa terra e coas excelencias eno-gastronomicas dun territorio no que destaca a calidade da nosa horta, os pratos tradicionais e o alto valor culinario e agroalimentario dos nosos produtos».Impulsada pola Deputación de Ourense, ao fronte da asociación «Cociña Ourense» están os cociñeiros Miguel González e Marco Varela, presidente e vicepresidente, respectivamente, da entidade, e conta tamén cos recoñecidos restauradores de establecementos hostaleiros de Ourense, Verín, Celanova, Trives, Ribadavia e Pereiro de Aguiar.A institución provincial apoia esta importante iniciativa de promoción da nosa cociña «porque a eno-gastronomía é un símbolo destacado da nosa identidade cultural e social», expresou Manuel Baltar, «e a súa longa tradición é algo que temos que seguir poñendo en valor, porque coa súa difusión potenciamos tamén a «marca Ourense».Fitur e hoxe Xantar son as primeiras etapas nas que «Cociña Ourense» se da a coñecer, unha iniciativa que o presidente do goberno provincial aplaude e á que lle augura grandes éxitos «porque entre os nosos mellores embaixadores está a gastronomía, da man dos grandes restauradores que temos na nosa provincia, e a Deputación de Ourense está e seguirá estando ao carón de todas aquelas iniciativas que acheguen valor, impulsen competitividade e leven polo mundo adiante o nome de Ourense con profesionalidade e sempre en positivo, falando ben e alto das excelencias da provincia de Ourense», expresou Baltar.A vindeira iniciativa de «Cociña Ourense» será estar presente no encontro gastronómico internacional Enbiga, e entre as innovacións que prevé desenvolver figuran «traballar co Campus de Ourense e outras universidades para investigar no estudo das augas das Burgas para a súa utilización na alimentación; e no ámbito da cooperación, asinar convenios con entidades vinculadas á formación gastronómica, como a Escola de Hostalaría de Vilamarín», destacou o presidente de «Cociña Ourense». Miguel González agradeceu o apoio de Manuel Baltar e da Deputación de Ourense para levar a cabo esta iniciativa, «e defender a creación dunha «cultura gastronómica» na provincia, tamén entre os máis pequenos, para contribuír a unha alimentación sa», salientando o carácter de «gran motor económico» que a gastronomía ten na provincia de Ourense.Potenciar os produtos de proximidade e apoiar, entre outros, aos pequenos produtores e difundir nacional e internacionalmente as excelencias da gastronomía ourensá, son outros dos obxectivos que se marca «Cociña Ourense», que xa traballa para que Ourense acolla en 2020 o Congreso de Gastronomía, coa presenza de destacadas figuras do ámbito gastronómico internacional.

Deja un comentario