Xoves 25 de Abril de 2019

Ourense, protagonista nacional do remo, coa participación de máis de 1.000 deportistas nos campionatos de España, en Castrelo de Miño


 

Manuel Baltar presentou  este evento no parque náutico, acompañado pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente; o presidente da Federación Galega de Remo, Xosé Manuel Seijas, e o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe, acompañado pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente; o presidente da Federación Galega de Remo, Xosé Manuel Seijas, e o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, os campionatos de España de remo nas modalidades de Longa Distancia e de Seleccións Autonómicas, que se disputarán os días 9 e 10 de febreiro no parque náutico de Castrelo de Miño.Un evento que conta co apoio da Deputación de Ourense, a través do Inorde, e que reunirá a un total de 1.150 remeiros de 107 equipos de 9 comunidades, que disputarán o IX Campionato de España de Longa Distancia e o Campionato de Seleccións Autonómicas 2019, o que significa que Ourense «é un dos mellores lugares de Europa para a práctica do remo, e así o acreditan as seleccións nacionais e os equipos que veñen ao noso territorio a preparar campionatos do mundo e olimpíadas, o que supón un exemplo do potencial da nosa provincia ligado ao termalismo deportivo, que impulsamos desde a Deputación», afirmou Manuel Baltar.O presidente do goberno provincial lembrou que o proxecto de creación dun ecosistema de «Turismo Deportivo», que desenvolve a Deputación de Ourense por medio do Inorde, «ten unha excelente mostra nestes campionatos, que converterán a vindeira fin de semana a Castrelo de Miño en capital do remo», e agradeceu á federación española o vínculo que ten con Ourense, e que crea no potencial desta provincia, e en concreto de Castrelo de Miño, como un lugar especial para disputar este tipo de eventos deportivos»».Baltar recoñeceu o traballo que fai o Inorde, a través do seu xerente, José Manuel Rodríguez, «para que estes importantes acontecementos deportivos se poidan celebrar na nosa provincia, pois non é nada doado albergar campionatos destas características, porque, ademais das condicións e das infraestruturas necesarias, é preciso convencer con argumentos, presentar unha candidatura e contar coa máxima receptividade por parte das máximas autoridades do mundo do remo».Pola súa banda, Asunción Loriente destacou os medios, as facilidades e as instalacións que Ourense pon a disposición do remo, salientando «a pista de 2.000 metros que se vai a estrear esta fin de semana nos campionatos», cualificando a Castrelo de Miño como «o mellor lugar de España para remar», e remarcando «a importancia de potenciar os equipos autonómicos de remo para logo poder ter uns bos equipos nacionais».O presidente da Federación Galega de Remo dixo que Ourense «conta co maior mar interior de España, cunhas condicións óptimas para o desenvolvemento do deporte do remo», e o alcalde de Castrelo de Miño agradeceu á Deputación de Ourense «que financiara por completo a pista olímpica coa que conta o parque náutico», e tamén á federación española e á galega «polo seu compromiso coa Copa da Xuventude que se disputará en Castrelo en 2021».O IX Campionato de España de Longa Distancia terá lugar o 9 de febreiro a partir das 9.00 horas, nas categorías de cadete, xuvenil e absoluto, sobre unha distancia de 5.500 metros, e no que atinxe ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas, disputarase o 10 de febreiro, a partir das 16.30 horas, no que competirán remeiros das mesmas categorías, sobre unha distancia de 1.000 metros.Ao remate dos campionatos, os máis de trinta deportistas que integran a selección española de remo comezarán no centro de adestramento (CERLAC) de Laias Caldaria unha etapa de trinta días de preparación cara ás vindeiras competicións internacionais que teñen que disputar.

Deja un comentario