Mércores 21 de Agosto de 2019

Manuel Baltar visita as instalacións do Centro Ocupacional de ASPANAS en Velle


 

O presidente do goberno provincial reuniuse coa directiva desta asociación de pais e nais a favor das persoas con discapacidade intelectual de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar visitou as instalacións do Centro Ocupacional de ASPANAS en Velle, acompañado pola directiva desta asociación de pais e nais a favor das persoas con discapacidade intelectual. Durante a visita ao centro, o presidente do goberno provincial coñeceu in situ as instalacións deste centro que atende a máis de cen usuarios con discapacidade intelectual e no que se imparten once talleres que teñen como finalidade proporcionar unha actividade ocupacional e prelaboral ás persoas do centro.

O presidente do goberno provincial agradeceu a directiva de ASPANAS a súa invitación para visitar as súas instalacións porque lle permitiu ver in situ “o traballo e a vocación que aquí se vive dun xeito especial, así como poder coñecer cómo funcionan os diversos talleres, falar coa xente que está aquí, tanto cos traballadores como cos que forman parte desta importante asociación, e renovar o compromiso con ASPANAS”.

Manuel Baltar salientou o importante labor que realiza esta asociación “a prol do desenvolvemento das persoas con discapacidade intelectual na nosa provincia a través de todas as actividades que se realizan no centro”, e lembrou que hai semanas se reuniu no Pazo Provincial con membros da directiva desta entidade na cal lle trasladaron “diversas propostas de colaboración como a adquisición dun vehículo para o transporte de usuarios de ASPANAS, así como melloras no edificio, e a Deputación de Ourense está a súa disposición”.

“Iniciamos unha etapa de colaboración, tanto no centro este como no que teñen na Peroxa, que vai a ser intensa no futuro porque así o merecen, polo traballo que están a desenvolver, pola implicación das familias e da xente da directiva”, dixo Manuel Baltar, quen engadiu que a Deputación de Ourense está “para a apoiar, e esa é unha liña que co tempo será máis sólida porque creo que é unha das cuestións máis importantes que temos na provincia e visitar as instalacións permítenos coñecer de primeira man o traballo que realizan e a ilusión que se transmite por parte dos empregados”.

Pola súa parte, o xerente da entidade, Sergio Regueiro, agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense a súa visita e a súa colaboración “que desexamos que se manteña no tempo para poder sacar froitos polo ben das persoas con discapacidade para as que traballamos”.

ASPANAS está integrada por 140 persoas usuarias, no centro de Velle están 110 persoas, e outras 30 persoas están no centro da Peroxa. O obxectivo desta asociación é mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, ofrecendo unha atención especializada e coas condicións necesarias. Entre os talleres que actualmente se están a impartir no centro atópase o de lavandería, artes plásticas, serigrafía, carpintería, xardinería, cociña, estimulación cognitiva, comunicacións, teatro, entre outras disciplinas.

Deja un comentario