Mércores 21 de Agosto de 2019

Jesús Vázquez destaca que o anuncio da Xunta para investir 800.000 euros no CIFP de A Carballeira é un novo exemplo do esforzo do Concello por mellorar as infraestruturas educativas de Ourense


“Nos últimos anos acadamos a modernización e ampliación de diversas dotacións educativas da cidade grazas a magnífica sintonía co Goberno Galego e a súa disposición por dar resposta as peticións do Concello”, destaca o alcalde Jesús Vázquez

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou o “importantísimo esforzo inversor e o compromiso incondicional da Xunta de Galicia con Ourense en materia de Educación”. Así o fixo con motivo da visita da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, esta tarde ao CIFP A Carballeira- Marcos Valcárcel, onde a representante do Goberno autonómico anunciou que o Goberno Galego ten previsto investir 800.000 euros na ampliación deste centro educativo.
Vázquez Abad salientou que esta inversión “supón un novo paso na colaboración constante entre o Concello e o Executivo galego para mellorar as infraestruturas educativas na nosa cidade, un dos obxectivos prioritarios que nos marcamos ao inicio deste mandato”. “Nos últimos anos acadamos a modernización e ampliación de diversas dotacións educativas de Ourense, grazas á magnífica sintonía co Goberno galego e a súa disposición por dar resposta as peticións realizadas dende o Concello”.
Nesta liña, o rexedor destacou que dende o ano 2015 o esforzo inversor en materia educativa en Ourense, que supuxo para a nosa cidade 2,1 millóns de euros en diversas actuacións para mellorar e ampliar as infraestruturas de varios dos centros de referencia da nosa cidade, como: o IES Universidade Laboral, o CPI José García García, a Escola Oficial de Idiomas, o CEIP Seixalbo e en breve tamén o CEIP Irmáns Villar.
“Son actuacións que permitiron mellorar a calidade dos centros, e sobre todo os servizos que reciben os nosos estudantes”, dixo Jesús Vázquez, como a renovación da cuberta e ampliación do IES Universidade Laboral; a rehabilitación integral do CPI José García García e do CEIP Seixalbo; e a ampliación de seis aulas na Escola Oficial de Idiomas.
O rexedor abundou en que a inversión de 800.000 euros anunciada hoxe pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, permitirá ampliar en 1.000 metros cadrados as instalacións do CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel, e confirma “a aposta do Executivo galego e do Concello por converter a nosa cidade nunha referencia educativa, e concretamente na Formación Profesional, con instalacións e dotacións que dean resposta ás necesidade da nosa sociedade”.
A actuación consistirá no reforzo da estrutura para a construción dunha planta adicional cunha superficie construída duns 1.000 metros cadrados, dos que aproximadamente 700 metros cadrados útiles corresponderán a espazos lectivos. Nela ubicaranse dúas aulas polivalentes e seis aulas-taller para as familias profesionais de Sanidade, Química e Informática.

Deja un comentario