Sábado 23 de Febreiro de 2019

A Xunta impulsará en Xantar 2019 a economía social cun stand no que se exporán produtos de calidade das cooperativas galegas


A 20ª Feira Internacional de Turismo Gastronómico celebrarase no recinto de Expoourense a partir de mañá e ata o domingo 10 de febreiro
A vixésima edición da Feira Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2019 volverá a contar un ano máis co stand institucional da Consellería de Economía, Emprego e Industria no que se impulsará a promoción dos produtos e servizos das empresas galegas de economía social.

O expositor que estará presente ao longo dos cinco días que dura o evento -comeza mañá día 6 e remata o domingo 10 de febreiro- contará coa representación de sete cooperativas galegas, un centro especial de emprego e unha empresa de inserción laboral. En concreto, estarán presentes as cooperativas Condado Paradanta; Bodegas Eidosela; Cooperativa Agraria Provincial (Bico de Xeado); Productores del Campo de Capela; Bodega Jesús Nazareno; Terras da Mariña; e Tres Fuciños; o centro especial de emprego Freshcut (Galifresh); e a empresa de inserción laboral Conservas Anaco.

Os asistentes á feira poderán coñecer no stand os produtos de primeira calidade que os nove expositores mostran, entre os que podemos destacar queixos, requeixos, meles, licores, xeados, fabas, carnes, anchoas e viños das denominacións de orixe Valdeorras e Rías Baixas.

Así mesmo, no stand ofrecerase información acerca da economía social en Galicia: como se fomenta a integración a través das empresas comprometidas socialmente; de que maneira se poden crear oportunidades laborais a través de empresas de inclusión; que é unha cooperativa; e cales son os requisitos e axudas para a súa constitución e desenvolvemento.

O recinto de Expourense estará aberto de 12.00 horas a 01.00 horas, agás o domingo, que pechará ás 19.00 horas.

Deja un comentario