Xoves 12 de Decembro de 2019

A Xunta destina preto de 50.000 euros a mellorar o albergue de Celeiros no concello ourensán de Chandrexa de Queixa


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou os traballos realizados que consistiron na renovación da cuberta e instalacións de pluviais

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, supervisou  as obras executadas no albergue de Celeiros en virtude dun convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello, por un importe de 48.400 euros.

O albergue de Celeiros, de titularidade municipal, trátase dun inmoble pertencente ao poboado que construíu a empresa Saltos do Sil na década dos anos 50 do século pasado. No ano 2000 pasou a ser de titularidade municipal destinándose a albergue turístico. Esta infraestrutura responde á demanda de aloxamentos que hai na zona xa que o municipio, emprazado no macizo central da provincia, cada vez é cada vez máis visitado por atoparse rodeado de natureza. O concello conta con numerosas rutas de sendeirismo e unha zona de baño no encoro de Chandrexa de Queixa, a poucos metros do albergue e, ao mesmo tempo, o concello é zona de paso para turistas e afeccionados ao esquí que visitan a Estación Invernal de Manzaneda, tanto no verán como fundamentalmente en inverno.

A delegada territorial explicou que o convenio subscrito polo departamento autonómico dirixido por Román Rodríguez e o Concello supón un apoio ao turismo en Chandrexa e, como consecuencia, na nosa comunidade autónoma, “como factor de desenvolvemento económico das zonas rurais, nas que o entorno natural supón un gran atractivo”. Díaz Mouteira indicou que ambas institucións achegaron a este acordo co obxecto de promover o turismo no concello e mellorar a atención aos visitantes, o que incide na afluencia turística do municipio e da comunidade autónoma,”xa que se trata dunha acción de interese común”, asegurou.

Na visita Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, Sandra Quintas Vázquez. Ambas as dúas comprobaron, xunto co rexedor, os traballos da actuación que consistiron na renovación completa da estrutura de cuberta a catro augas. Dado o estado ruinoso que presentaba a estrutura de madeira de cuberta, procedeuse a súa demolición, eliminando aquelas partes de teitos interiores necesarias para elo, e colocouse lousa con illamento térmico intermedio. Ademais, renovouse a impermeabilización da cuberta plana emprazada ao sur mediante un mortero. O proxecto executado tamén incluíu a instalación de pluviais con canalóns e baixantes en aceiro inoxidable mate e remates de faldóns en zinc.

A representante do Executivo galego na provincia ourensá subliñou que a Consellería, a través de Turismo de Galicia, acomete un decidido apoio á promoción e fomento do sector turístico de Galicia a través daquelas accións que lle permiten acadar os seus obxectivos. Así, a colaboración institucional permite garantir que esta infraestrutura municipal destinada a aloxamento turístico ofreza o seu servizo á cidadanía nunhas condicións óptimas.

Díaz Mouteira explicou que en 2018, mediante convenios semellantes ao asinado con Chandrexa de Queixa, se axudou cuhna achega de máis de 881.000 euros a un total de 29 concellos da provincia de Ourense a mellorar infraestruturas turísticas.

Neste contexto, a delegada territorial salientou o compromiso da Xunta co impulso turístico dos concellos a través de convenios e numerosas liñas de axudas convocadas anualmente polo departamento autonómico de Turismo, estando en tramitación as correspondentes á convocatoria deste ano.

Imaxes relacionadas

TURISMO
Departamento: C. de Cultura e Turismo
Data de actualización: 30/01/2019
Imprimir …
Novas relacionadas

O titular de Cultura lembra que o Hostal dos Reis Católicos foi durante longo tempo o ‘paradigma da hospitalidade xacobea’

A Xunta abre as dúas primeiras liñas de axudas do Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos con 4 millóns de euros

Máis de 76.000 persoas coñeceron en Fitur a oferta turística galega de 2019, que reforza o seu atractivo patrimonial e natural

Deja un comentario