Luns 27 de Maio de 2019

O Auditorio acolle este domingo a estrea absoluta de ‘O empapelado amarelo’, de Tito Asorey e Melania Cruz, unha posta en valor da muller como creadora ao longo da historia


 

Parte dun relato autobiográfico publicado en 1891 pola norteamericana Charlotte Perkins Gilman, narrada en ton de relato de terror gótico, para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da época

 

A idea naceu do maxín da actriz Melania Cruz, case dez anos atrás, durante un festival de teatro. O texto orixinal parte dun relato autobiográfico publicado en 1891 pola norteamericana Charlotte Perkins Gilman, en ton de relato de terror gótico, para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da época.

Máis dun século despois, a compañía A quinta do cuadrante, de Melania Cruz e Tito Asorey, estrea o espectáculo O empapelado amarelo no Auditorio de Ourense. Será este domingo, 27 de xaneiro, con pases ás 18:00 e ás 20:00 horas con aforo limitado. Posteriormente, haberá outra función para público xeral o día 23 de febreiro ás 20:00, e dúas funcións para público escolar (ficha didáctica incluída) o día 22 de febreiro.

“É unha enorme satisfacción presentar a estrea dunha nova obra no Auditorio, pero especialmente que sexa unha produción ourensá, que reivindique o papel da muller e que se leve aos centros educativos da nosa cidade”, argumentaba Belén Iglesias, concelleira de Cultura, na presentación da obra. O apoio da Concellería foi vital para o proxecto, engadía Melania Cruz, única actriz sobre o escenario e co-autora da obra xunto a Tito Asorey.

“Estamos reivindicando o papel da muller creadora ao longo da historia, un axente autónomo que toma decisións”, en palabras de Melania Cruz. “Debemos darlle o valor á palabra e valorar que hai discursos de patróns que aínda debemos superar”, dixo.

Pola súa banda, o autor ourensán Tito Asorey destacaba ao “equipo, feminino case ao completo”, con profesionais que veñen de recibir os máximos galardóns do teatro galego, os María Casares, nas súas respectivas disciplinas, coma a da escenografía: “A estética vén do mundo do terror, entendíamos que ese ton gótico debía estar moi presente”, dixo. En calquera caso, Asorey asegurou “estar encantado de que a estrea sexa en Ourense”, e animou a darse présa para ver a obra: “está limitada a 100 persoas, a intimidade co espectador é parte fundamental da proposta”.

Sinopse_ O empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman. Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla. Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro case total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

Deja un comentario