Sábado 07 de Decembro de 2019

A XUNTA ACHEGA AOS EMPRESARIOS DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS OS APOIOS QUE PON Á SÚA DISPOSICIÓN PARA IMPULSAR OS NEGOCIOS LOCAIS


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo no polígono de San Cibrao das Viñas un encontro que forma parte da rolda de contactos que está a levar co tecido empresarial galego
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo no polígono de San Cibrao das Viñas
-formado por 320 empresas e 8000 traballadores directos e indirectos- unha xuntanza co tecido empresarial para darlle a coñecer as medidas que o Goberno galego ten en marcha e as que activará ao longo deste ano co obxectivo de impulsar os negocios locais e dinamizar a actividade económica da comarca.

A xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a levar a cabo o conselleiro co tecido empresarial galego para coñecer de primeira man as súas necesidades e intercambiar propostas para seguir impulsando a competitividade industrial. O obxectivo destes encontros é que ningún autónomo, empresa ou emprendedor teña que renunciar aos seus plans por falta de información ou de apoio.

Conde destacou que a Consellería activará ao longo deste ano medidas vinculadas a diversos campos como as novas tecnoloxías, a internacionalización empresarial, a promoción da eficiencia enerxética, a modernización do comercio local, a mellora das infraestruturas nos parques empresariais e o acceso ao solo industrial, o impulso do emprego e o fomento do emprendemento e a atención aos autónomos. Neste sentido, destacou que durante o primeiro trimestre deste ano esta previsto activar axudas que suman máis de 100M€.

O conselleiro tamén se referiu a programas cos prazos de solicitudes xa abertos como o Galicia Inviste, que con nove millóns de euros busca apoiar 140 novas pemes; as axudas para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais e a creación de viveiros industriais e as do Igape para impulsar a dixitalización das pemes galegas, estas últimas cunha mobilización prevista de máis de 13 millóns. Neste último senso, San Cibrao das Viñas conta con infraestruturas avanzadas de banda ancha de máis de 100Mbps, imprescindible para poder traballar coas tecnoloxías máis avanzadas. Así mesmo, salientou que xa están aprobados os apoios para impulsar a eficiencia enerxética en fogares, nas empresas do sector industrial, servizos e no agrícola que mobilizarán máis de 24 millóns.

No eido do emprendemento destacou a rede de aceleradoras galegas que, agrupada na plataforma StartIN Galicia, xa leva impulsado 900 proxectos e da que forma parte o coworking de San Cibrao das Viñas para o que aínda está aberta a nova convocatoria.

Para rematar, o titular de Economía puxo en valor a Lei de implantación empresarial, lembrando que facilita ao máximo a actividade das empresas a través da simplificación administrativa e con bonificacións fiscais que se amplían no caso de que as compañías estean asentadas en Concellos Emprendedores. Na provincia de Ourense existen na actualidade un total de 55 concellos, entre os que figura San Cibrao das Viñas.

Deja un comentario