Xoves 21 de Marzo de 2019

Jesús Vázquez destaca que a reforma da Alameda da Ponte, froito da colaboración entre o Concello e a Xunta, dálle resposta a unha demanda histórica do barrio


 

Durante a visita aos traballos de mellora do Parque, acompañado pola conselleira Ángeles Vázquez, o alcalde de Ourense destacou as obras realizadas durante este mandato grazas ao diálogo continuo co departamento de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, agradeceu o “esforzo e colaboración continua” entre o Concello de Ourense e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na rehabilitación dos parques e zonas verdes de Ourense. É o caso do Parque da Ponte, cuxa finalización está prevista para esta primavera, pero tamén de numerosas proxectos que tiveron lugar ao longo do actual mandato.

Así o confirmou este luns, durante a visita ás obras que se están a realizar no Parque da Ponte en compañía da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Trátase dun proxecto que está a executar a Consellería por un importe de case 265.000 euros, e que vai supoñer, entre outras actuacións, a recuperación da balaustrada perimetral, a renovación da fonte central, melloras en xardinería e a impermeabilización das filtracións nos baixos comerciais situados na zona oeste do parque.

O rexedor destacou que se trata dun proxecto realizado “con sentidiño” polos técnicos municipais e polos da Consellería, e que ademais da recuperación da zona verde permitirá “comezar a casa polos cimentos impermeabilizando os baixos comerciais e eliminando as humidades que presentan hoxe en día para poñelos a disposición das persoas interesadas e dinamizar o comercio nesta área”.

Vázquez Abad recordou que a obra responde a unha vella demanda veciñal e que se suma ás actuacións que durante este mandato se acadaron froito da colaboración coa consellería de Medio Ambiente, como a recuperación do Parque do barrio de Covadonga, un proxecto que contou cun orzamento de 261.000 euros dentro do Plan hUrbe. Pero tamén se produciron actuacións de acondicionamento na Praza do Sagrado Corazón e nas rúas Nicomedes Pastor Díaz, Benito Fernández Alonso, Filomena Dato, García Álvarez, Castelo Ramiro e Travesía Fernández Alonso. Nestas actuacións a Xunta investiu preto de 1,2 millóns de euros.

Neste marco, o rexedor anunciou a presentación dun novo proxecto: a recuperación da Praza Daniel González, no barrio das Lagoas. “Trátase dun proxecto integramente feito polos técnicos dos diferentes departamentos do Concello como Medio Ambiente, Electricidade, Infraestruturas, que suporá unha remodelación íntegra deste espazo e que contará con orzamento de 400.000 euros”.

Deja un comentario