Mércores 26 de Xuño de 2019

Deputación e cociñeiros impulsan a creación da asociación “Cociña Ourense” para difundir a gastronomía feita con produtos autóctonos


 

Manuel Baltar, xunto co presidente e o vicepresidente da asociación, Miguel González e Marco Varela, e os cociñeiros que integran a entidade que inicia a súa andaina, defenderon “o compromiso coa terra, os produtos autóctonos e a defensa das excelencias eno-gastronómicas da provincia de Ourense”, expresou o presidente da Deputación

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou a asociación “Cociña Ourense”, un acto que contou coa participación dos cociñeiros Miguel González e Marco Varela, presidente e vicepresidente da entidade, e dos cociñeiros que integran a asociación, trece en total, de establecementos hostaleiros de Ourense, Verín, Celanova, Trives, Ribadavia e Pereiro de Aguiar. “Defender o compromiso coa terra, os produtos autóctonos e as excelencias eno-gastronómicas da provincia de Ourense, son os principais obxectivos cos que hoxe comeza a súa andaina a asociación “Cociña Ourense”, expresou o presidente da Deputación, destacando a importancia desta iniciativa, á que a institución provincial apoia porque a eno-gastronomía é un buque insignia do territorio provincial, cunha longa tradición que temos que seguir poñendo en valor”. “Ourense será máis grande, e sentimos orgullo polo impulso deste proxecto, que promovemos dentro da “marca Ourense” e que acadará, sen dúbidas, un gran éxito”, comentou Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu “a idea e a iniciativa desta asociación para que Ourense estea presente nas grandes citas gastronómicas e contemos para elo con embaixadores de primeiro nivel como son os grandes restauradores que temos na provincia de Ourense, e a Deputación dará estabilidade e continuidade a este proxecto porque é unha aposta de futuro para a nosa terra, nun momento no que a próxima chegada da alta velocidade marcará un antes e un despois na nosa provincia”, dixo Manuel Baltar.

Miguel González explicou que as iniciativas que levará a cabo “Cociña Ourense” xiran ao redor de promover a cociña e os produtos da horta ourensá e estar presentes en próximos eventos como Fitur, Xantar e no encontro gastronómico internacional Enbiga. Estes son algúns dos obxectivos da asociación, integrada inicialmente por 13 cociñeiros de Ourense, Verín, Celanova, Trives, Ribadavia e Pereiro de Aguiar.

“Entre as innovacións que imos desenvolver figuran traballar co Campus de Ourense e outras universidades para investigar no estudo das augas das Burgas para a súa utilización na alimentación; e no ámbito da cooperación, asinar convenios con entidades vinculadas á formación gastronómica, como a Escola de Hostalaría de Vilamarín”, destacou o presidente de “Cociña Ourense”. Miguel González agradeceu o apoio de Manuel Baltar, de Jorge Pumar e da Deputación de Ourense para levar a cabo esta iniciativa, e defender a creación dunha “cultura gastronómica” na provincia, tamén entre os máis pequenos, para contribuír a unha alimentación sa.

Pola súa banda, Marco Varela dixo que a gastronómica “é un dos motores económicos da nosa provincia, que reforzará o atractivo turístico de Ourense, e a liña que se marca a asociación é a de potenciar os produtos de proximidade; apoiar, entre outros, aos pequenos produtores e difundir nacional e internacionalmente as excelencias da gastronomía ourensá”.

Os directivos de “Cociña Ourense” avanzaron que o evento de presentación da asociación terá lugar en marzo ou abril próximo, e entre os retos futuros figura que Ourense acolla en 2020 o Congreso de Gastronomía, coa presenza de destacadas figuras do ámbito gastronómico.

Deja un comentario