Mércores 26 de Xuño de 2019

O goberno de Ourense incumpre a declaración institucional en apoio ás doentes de endometriose


O PP superou xa o prazo de trinta días comprometido o 10 de decembro no pleno municipal

Ourense en Común alertaba hoxe do incumprimento do goberno coa declaración institucional en apoio ás mulleres doentes de endometriose, oficializada no pleno do 10 de decembro logo de ser consensuada entre os grupos partindo dunha moción proposta pola Asociación querENDO. Mulleres con Endometriose.

O manifesto unánime da corporación, establecía un prazo de trinta días para empezar a dar respostas ás reivindicacións das doentes desta enfermidade, que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil, aínda que moitas das afectadas nin saben que a teñen.
No grupo entenden que “temos que ir todos a unha con esta epidemia oculta”, apremian ao goberno a respectar os acordos, e califican de “vergoña para Ourense” que “ademais de ser a última cidade en solidarizarnos con esta loita xa imos tarde en cumprir os compromisos, que é do que se trata”.
Montserrat Valencia, edil de Ourense en Común, denuncia a “desidia e mentiras recurrentes” no proceder de Sofía Godoy, responsable da área da saúde no Concello, “de pouco vale que a edil lea no pleno o manifesto acordado polos grupos, se despois a solidariedade que se comprometía con esa declaración non existe, nin se executan os acordos”.
“As administracións debemos implicarnos na visibilización, garantir ás doentes atención e coidados, promover proxectos de investigación sobre a enfermidade, e impulsar campañas informativas nos centros educativos, para dar a coñecer a doenza, e tratar de recortar na medida do posible o retraso no diagnóstico”.

Zona de los archivos adjuntos

Deja un comentario