Xoves 21 de Marzo de 2019

Aprobadas as bases do XXIX Premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”


 

A xunta de goberno aprobou tamén as bases para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas e para os gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociación veciñais de Ourense para o 2019

A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras para a convocatoria do XXIX Premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”, que organiza a Deputación de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 11 de xaneiro de 2019.

As bases deste certame –que se publicarán proximamente no BOP- recollen que poden optar ao galardón, dotado cun único premio de 3.000 euros, todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, en calquera das súas modalidades. As propostas poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado. Os traballos ou conxuntos de traballos -gráficos, escritos, audiovisuais ou dixitais-, terán que estar publicados en medios de comunicación galegos, ou noutros medios pero deberán referirse a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2018 e o día 31 de decembro do mesmo ano.

O xurado do premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vocais formarán parte do mesmo un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un representante da Federación de Asociacións de Periodistas; un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario do xurado, con voz pero sen voto, será o responsable da Comunicación da Deputación de Ourense.

O prazo para a presentación de traballos pecharase o día 18 de marzo de 2019 e o acto de entrega coincidirá co día 3 de maio (Día internacional da liberdade de prensa).

Agrupacións de asociacións veciñais

A xunta de goberno aprobou hoxe tamén as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas ás federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense, co fin de financiar parcialmente os seus gastos de funcionamento correspondentes ao exercicio 2019. Poderán beneficiarse destas axudas as federacións ou agrupacións veciñais que estean integradas por tres ou máis asociacións de veciños, entendendo por tales as asociacións cuxos fins sexan a defensa dos dereitos e intereses dos veciños dun determinado ámbito territorial. Así mesmo, estas agrupacións deberán estar inscritas no rexistro provincial de asociacións de Ourense e teñen que ter o seu domicilio social na provincia de Ourense.

A dispoñibilidade orzamentaria destinada a este concurso ascende aos 50.000 euros, e os interesados en participar deberán presentar as súas solicitudes desde a publicación desta convocatoria na Base de datos Nacional de Subvencións ata o día 28 de febreiro de 2019.

Festivais, ciclos e mostras

Outras das bases reguladoras aprobadas na xuntanza son as referidas á convocatoria do concurso para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais, promovidos por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privas, que se desenvolvan integramente na provincia de Ourense entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019. Os solicitantes poden presentar ata un máximo de tres proxectos.

O orzamento destinado a esta finalidade é de 80.000 euros, sendo a contía máxima da axuda por proxecto do 70% do custe total. Así mesmo, ningún beneficiario poderá obter axudas por importe superior a 20.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente. Os interesados en solicitar estas axudas poderán presentar as súas solicitudes desde a publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, ata o día 28 de febreiro de 2019.

Deporte

En materia de cooperación con entidades, a xunta de goberno aprobou un total de 287.000 euros en dúas axudas para o fomento do deporte. Para a estación de inverno Manzaneda. S.A. MEISA, aprobou unha axuda de 71.000 euros para o proxecto “EsquiOU 2019”, o campamento de iniciación ao esquí para nenos da provincia de Ourense; e para o Club Ourense Baloncesto SAD, de 216.000 euros, para gastos de funcionamento e mantemento do club.

Deja un comentario