Sábado 18 de Agosto de 2018

A Xunta destina preto de 900.000 euros a 62 entidades sociais que apoian a mulleres en situación de especial vulnerabilidade


As beneficiarias destas axudas serán anciáns soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes, vítimas de violencia de xénero e mulleres xestantes e lactantes

A Secretaría Xeral da Igualdade publica no DOG a resolución das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas específicos dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, así como programas de apoio a mulleres xestantes e lactantes.

En total, destínanse 870.183,66 euros -cofinanciados por fondos comunitarios FSE e FEDER- a 62 entidades. Destas, 26 son da provincia da Coruña, cunha contía total de 435.627,10 euros; 13 son entidades da provincia de Pontevedra, cunhas axudas totais de 126.163,80 euros; 13 entidades da provincia de Ourense, cunha contía concedida de 130.347,26 euros; e 10 de Lugo que obteñen 178.045,50 euros.

A través destas axudas apóianse actuacións como o mantemento de centros de atención especializada a mulleres -centros de acollida, centros de día- nos cales se ofrece asistencia básica e programas de apoio ás mulleres que se encontran en situacións de especial vulnerabilidade; así como o desenvolvemento de recursos integrais específicos para mulleres xestantes e/ou lactantes con fillas/os menores de tres anos, que conteñan actuacións de información, acompañamento social ou orientación, entre outras.

Os colectivos beneficiarios dos programas desenvolvidos ao abeiro desta convocatoria son grupos de mulleres en situación de exclusión especial; mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social, tales como reclusas ou drogodependentes; mulleres en situación de especial protección, como anciáns soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas; e vítimas de violencia de xénero.

Preto de 3.000 mulleres atendidas en 2013
O ano pasado, as entidades de iniciativa social beneficiarias atenderon a preto de 3.000 mulleres, fundamentalmente a través de programas relacionados coa atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, programas de apoio a mulleres con discapacidade, inserción laboral de reclusas e ex-reclusas ou de acompañamento a mulleres inmigrantes; por citar algún exemplos.

Deja un comentario