Domingo 26 de Maio de 2019

O Concello concede licenza de obra para a cuberta e o peche da pista deportiva do CEIP Irmáns Villar, proxecto que contará cun orzamento de preto de 260.000 euros


A concelleira Flora Moure salienta que a obra “é un novo exemplo da colaboración entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia en materia educativa durante mandato, no que grazas ao diálogo realizáronse importantes obras en numerosos centros da nosa cidade”

A xunta de goberno local celebrada esta mañá deu conta de 15 asuntos de diferentes áreas municipais. A Avogacía Consistorial achega case a metade dos temas, pero tamén destaca a concesión de licenza de obra á Consellería de Economía, Industria e Emprego para a cuberta e o peche da pista deportiva do CEIP Irmáns Villar. Trátase dun proxecto que conta cun orzamento de case 260.000 euros e que permitirá mellorar de forma notable as instalacións do centro e a práctica das actividades deportivas e de lecer.

Avogacía Consistorial (7). 2 autos, 3 emprazamentos e 2 sentenzas.
O primeiro auto, ditado polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, sinala como executada unha sentenza do 10 de decembro de 2007 relativa á anulación dunha licenza de obra e dispón o arquivo da peza.
O segundo dos autos, ditado pola mesma sala, denega a un particular a suspensión cautelar interesada dunha sanción de tráfico, por constatar que non se cumpren cos requisitos esixidos pola Lei. Ademais, impón ao recorrente “as costas co límite máximo expresado no último Fundamento de Dereito”.
Por outra banda, o Concello deberá presentarse como demandado ante o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1, nun procedemento interposto pola empresa OHL Servicios Ingesan, que reclama contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude de medidas correctoras para compensar os supostos desequilibrios económicos producidos durante a execución do contrato de Servizo de Limpeza dos centros educativos municipais, que cuantifica en 38.017,30 euros.
Tamén deberá presentarse no mesmo Xulgado no procedemento interposto por un traballador municipal contra o decreto da Concellería de Recursos Humanos do 14 de xuño de 2018, que desestimou a súa solicitude para percibir o plus de nocturnidade e de festividade durante as súas vacacións.
Por último, o Concello deberá comparecer no Contencioso Administrativo número 2 de Ourense no procedemento interposto por dous particulares que solicitan a devolución do imposto de plusvalía.
A primeira das sentenzas, do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense, estima un recurso contra o pago dun imposto de plusvalía por quedar acreditado, mediante proba documental, que non se produciu ningún incremento de valor na transmisión do inmoble: este perdeu parte do seu valor.
A segunda sentenza, do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, estima en parte un recurso interposto polo Banco Popular Español S.A. A sentenza estima que non procede a compensación de débedas solicitada pola entidade crediticia ao Concello, debido a que o Plan Especial de Protección do BIC de As Burgas e dos actos que se derivaron deste foron declarados nulos de pleno dereito polos tribunais.
Servizo de Licenzas Urbanísticas, de Actividade, Apertura e Disciplina (2). Concedeuse licenza urbanística de obra á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o proxecto de execución da cuberta e o peche da pista deportiva do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Irmáns Villar. Contará cun orzamento de execución de 259.755,07 euros.
“Trátase dun novo exemplo da colaboración entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia en materia educativa durante mandato, no que grazas ao diálogo realizáronse importantes obras en numerosos centros da nosa cidade”, afirmaba a concelleira Flora Moure. “Foi o caso da ampliación da Escola Oficial de Idiomas, tras un investimento de 600.000 euros, que supuxo a apertura de seis novas aulas e un importante aumento no seu número de alumnos”, dixo.
Tamén se concedeu licenza de obra para a rehabilitación e ampliación dunha vivenda unifamiliar, obra que contará cun orzamento de 62.048,44 euros.
Aperturas (1). Concedeuse licenza de obra para adaptar un local para acoller unha clínica de fisioterapia.
Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio (2). Non se admitiu a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por varios particulares, polos prexuízos ocasionados pola anulación xudicial da licenza de ampliación dun edificio por estar prescrito o dereito para reclamar. Ademais, notificóuselles o informe xurídico, con data de 7 de xaneiro de 2019, para os efectos da motivación. Este acto pon fin á vía administrativa e contra el poderán interpoñerse un recurso de reposición, ante o órgano que o ditou; ou un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense.
Ademais, desestimouse a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por un particular por lesións como consecuencia dunha caída na Avenida Otero Pedrayo por non concorrer os requisitos legais que xustifican unha indemnización.
Persoal e Recursos Humanos (2). Desestimouse o recurso de reposición presentado por un axente da Policía Local contra o decreto que rexeita a súa solicitude de gozar dos días propios correspondentes aos anos 2016 e 2017, ao non realizalos no seu momento por estar en situación de Incapacidade Temporal.
Tamén se desestimou o recurso de reposición presentado por un funcionario que solicitaba un complemento de destino e un recoñecemento económico superior ao grao persoal que ten consolidado.
Promoción Económica (1). Aprobouse a concesión dunha prórroga excepcional, por un período de 12 meses, a unha empresa para que poida seguir empregando un dos niños instalados no Viveiro de Empresas do Centro de Iniciativas Empresariais (CIE), que conta con espazo para acoller sete “niños de empresas”.
O obxectivo fundamental desta iniciativa é a creación de emprego e riqueza no tecido produtivo do municipio de Ourense, facilitando o establecemento, arranque e consolidación de novas empresas, así como a viabilidade das existentes para a súa posterior inserción no mercado.

Deja un comentario