Domingo 26 de Maio de 2019

O Auditorio ofrece, esta fin de semana, monicreques para as crianzas e un recital ao piano do ourensán Emilio Cid


 

‘Musicreques, contacontos musical’ é un compendio de rimas, cantos e soportes visuais para participar da maxia da narración oral galega. Recomendado de 0 a 4 anos. Dobre pase este venres, ás 18:00 e 19:00 horas, na sala Apego. Entrada, 3€. Crianzas, de balde

 

Monicreques, monólogos e música de piano. É a oferta do Auditorio Municipal de Ourense para esta fin de semana.

‘Musicreques, contacontos musical’ é un espectáculo de monicreques con música en directo. A narración oral acompáñase de rimas, cantos e soportes visuais para que os nenos e nenas participen da maxia dos contos. Estes son orixinas, escritos por Loreto Pérez e ilustrados por Alma Cendán. Entre outras cantigas non faltarán Cada cousa no seu lugar, O caracol viaxeiro, Xoguemos a adiviñar, Pío e Pía ou A galiña Carmiña.
Recomendado para crianzas de 0 a 4 anos no marco do programa Apego. Haberá dúas funcións, ás 18:00 e ás 19:00 horas, e as entradas teñen un custe de 3€ anticipada (ataquilla.com) e na billeteira desde dúas horas antes da función. Crianzas, gratis.

Monólogos. Mañá venres, desde as 21:00 horas, a sala principal acolle o 20º aniversario dos Monólogos-R e celebra a efeméride cun espectáculo a cargo de David Amor e Oswaldo Digón. Os monólogos contan co traballo de Touriñán. As entradas están reservadas para clientes da operadora de telecomunicacións R. As entradas resérvanse na web por orde de petición.
Concerto de piano. Emilio Álvarez Cid, formado no Conservatorio Profesional de Ourense e no Superior de Música de Madrid, traballa actualmente como docente do CMUS Profesional de Vigo. Ten actuado en diferentes ciclos de concertos en Madrid, Illas Baleares, ou Londres. O seu concerto, con entrada de balde até completar aforo, percorrerá os grandes mestres, caso de Schubert e Liszt, Beethoven ou Mendelssohn.

Deja un comentario