Xoves 21 de Marzo de 2019

O Concello de Ourense ofrece a súa colaboración a Amnistía Internacional para a celebración na cidade da 45 Asemblea Xeral Federal desta ONG en España


 

Este encontro de traballo do máximo órgano de representación de Amnistía Internacional convertirá a Ourense na capital española dos Dereitos Humanos durante a fin de semana do 26 ao 28 de abril

 

Durante a fin de semana do 26 ao 28 de abril, Ourense será a capital española dos Dereitos Humanos. Este fito virá da man da celebración na cidade da 45
Asemblea Xeral Federal de Amnistía Internacional en España, o máximo órgano de representación desta ONG a nivel estatal e que leva defendendo os Dereitos Humanos en todo o mundo desde 1961 e con máis de 8 millóns de socios en todo o mundo.

Por este motivo, o presidente de Amnistía Internacional en Galicia, Jonathan Domínguez; e a coordinadora do Grupo de Acción en Ourense, Alba Fernández, mantiveron esta mañá unha reunión institucional co alcalde, Jesús Vázquez Abad, para establecer liñas de cooperación entre o Concello e a ONG para o desenvolvemento da asemblea, que reunirá na cidade a preto de 400 persoas de toda España e outras 50 persoas como persoal técnico. “Un dos obxectivos que perseguimos as/os activistas de Amnistía nesta cidade cando presentamos a candidatura para ser sede da Asemblea Xeral Federal foi o de de visibilizar Ourense e os seus atractivos turísticos, por iso queremos implicar a tódolos axentes neste evento, pois situaranos como capital española dos Dereitos Humanos”, explica o presidente de Amnistía Internacional en Galicia, Jonathan Domínguez.

“Que un organismo da importancia e a relevancia de Amnistía Internacional decida elixir a Ourense, por primeira vez na súa historia, como sede do seu máximo órgano de representación a nivel estatal é unha honra para esta cidade e desde o Concello prestaremos o apoio preciso para que sexa un éxito”, sinala o rexedor ourensán. “Queremos que os participantes na Asemblea teñan a mellor das experiencias durante o tempo no que estén na nosa cidade”, recalca Vázquez Abad.

Deja un comentario