Mércores 26 de Xuño de 2019

A Deputación de Ourense renovará os xogos infantís no parque da Área recreativa de Leiro


 

Para estas actuacións, a institución provincial destinará un orzamento de 23.292 euros que tamén inclúe a substitución da tirolina no parque da Veronza, Ribadavia

A Deputación de Ourense renovará os xogos infantís no parque da Área recreativa de Leiro, co fin de manter e conservar en bo estado esta zona dependente da Área de Medio Ambiente da administración provincial, a través dun investimento que alcanza os 23.292 euros, e no que tamén se inclúe a substitución da tirolesa no parque da Veronza, en Ribadavia, “para dar continuidade á renovación das áreas infantís da Deputación, tal e como xa iniciamos hai un ano en Ribadavia”, dixo o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez.

Estas actuacións xorden da necesidade de substituír diversos xogos que se atopan en mal estado actualmente, por outros novos, “para continuar a garantir a seguridade e goce dos máis cativos”, dixo Pablo Pérez. De tal modo que, no parque infantil de Leiro renovarase o conxunto modular, o resorte individual, dous bambáns, un bambán de tres asentos e a tirolina, e no caso da Veronza, só se terá que substituír a tirolina actual.

“O obxectivo do goberno provincial é traballar a prol da mellora na prestación dos servizos aos cidadáns e, neste caso, aos ourensáns máis mozos, para que teñan unha zona segura e de ocio na que poidan gozar de diferentes xogos infantís nos seus municipios”, explicou Pablo Pérez.

Deja un comentario