Xoves 22 de Agosto de 2019

Ourense en Común propón no pleno medidas para paliar os colapsos en diferentes servizos do Concello


O grupo solicita ao goberno a elaboración dun Plan de Mellora da Xestión Municipal e programas formativos específicos

Logo dos reiterados colapsos vividos nos últimos meses en diferentes servizos municipais, e perante a impasibilidade manifesta do equipo de goberno para abordar a situación, Ourense en Común defenderá no pleno de xaneiro a optimización dos recursos humanos cos que conta o Concello, solicitando a través dunha moción a elaboración dun Plan de Avaliación e Mellora da Xestión Municipal e a execución dun programa de formación específica interdepartamental, como medidas complementarias á necesaria convocatoria dunha oferta de emprego público, xa suxerida polos sindicatos e os grupos da oposición, e “que permitiría mellorar ata nun 80% a atención presencial e telefónica en servizos como os de Rexistro, Padrón ou Estatística, mermados por baixas médicas, incompatibilidades e xubilacións”.
O grupo denuncia así a gravidade da situación que viven varios servizos do Concello, e suxire unha avaliación da xestión en colaboración co propio persoal, para “deseñar e implementar actuacións de reorganización de servizos, dimensionando axeitadamente as áreas, e mellorando e axilizando os procedementos, para dotar á institución dun modelo de funcionamento óptimo que poida dar o mellor servizo posible á cidade”, para o que tamén propoñen formación específica para a capacitación interdepartamental do persoal, que permita paliar posibles necesidades entre diferentes servizos.
Desde Ourense en Común sinalan que os edís responsables de Servizos Xerais, Persoal ou Emprego “están menosprezando a problemática”, e apuntan a que a modificación da RPT promovida polo Partido Popular e denunciada polo grupo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “perpetúa a situación, non da un sentido organizativo ao cadro de persoal nin busca a eficiencia dos recursos humanos municipais. O único interese do PP é consolidar os centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense, sen avaliar o funcionamento e a calidade do servizo público”.

Deja un comentario